A Xunta e o concello de Chantada acordan ampliar en 18 prazas a escola infantil pública autonómica

A Administración local será a encargada de realizar unha obra sinxela aproveitando un espazo xa existente e o Goberno galego asumirá o seu equipamento e o persoal nece-sario

Coa nova unidade, o centro pasará das 56 prazas actuais ás 74 a partir de setembro
 

Chantada (Lugo), 12 de xuño de 2022.- A Xunta de Galicia e o Concello de Chantada acordaron ampliar en 18 prazas a escola infantil pública autonómica. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañado do delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, e do alcalde, Manuel Lorenzo Varela, visitou o centro e examinou as necesidades do mesmo para efectuar a súa ampliación das 56 prazas actuais a un total de 74.

 

Deste xeito, durante o verán desenvolverase a obra para que no vindeiro curso 2022/2023 xa sexa efectiva o incremento desta nova unidade. O Concello será o encargado de realizar unha obra sinxela aproveitando un espazo xa existente, e a Xunta de Galicia asumirá o seu equipamento e o persoal necesario.

 

A conselleira de Política Social e Xuventude salientou que o aumento de prazas permitirá rematar coa lista de agarda no municipio e, desta maneira, cúmprese cunha demanda da veciñanza da localidade lucense.

 

Ademais, Fabiola García recordou que para o vindeiro curso os pais de Chantada non só contarán cunha escola infantil máis ampla, senón tamén terán gratuíta a atención educativa para todos os fillos, pois a Xunta de Galicia porá en marcha a gratuidade total nas escolas infantís. Actualmente, a gratuidade xa se aplica para os segundos fillos e seguintes. Con esta medida, as familias que levan a un fillo á escola infantil aforrarán de media entre 1500 e 2000 euros ao ano pola atención educativa.

 

Visita ao centro día

Así mesmo, aproveitando a súa visita a Chantada, a conselleira achegouse ao centro de día público autonómico que hai na localidade, que conta con 49 prazas para maiores. Alí puido coñecer ás persoas que reciben atención neste servizo e saber do seu a día a día.

Imaxes relacionadas