O titular do Goberno galego asistiu hoxe á V Feira do Pan do Porriño

Rueda destaca a aposta da Xunta por impulsar o rural a través da calidade e singularidade dos produtos agroalimentarios galegos

O Porriño, 11 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, durante unha visita á Feira do Pan do Porriño, a aposta do Goberno galego por fomentar a calidade e singularidade dos produtos agroalimentarios da Comunidade como un xeito de impulsar o medio rural. Entre eles resaltou a importancia do pan galego, como un dos produtos da gastronomía de Galicia máis recoñecidos e valorados tanto dentro como fóra da Comunidade.

 

A Xunta conta con diferentes medidas de apoio ao sector agroalimentario como axudas aos consellos reguladores para o control de calidade e a promoción de produtos; a futura lei da calidade alimentaria ou campañas de promoción dos recursos como a recente Galicia Etiqueta Calidade. E no caso concreto do pan, Rueda destacou a existencia de dúas Indicacións Xeográficas Protexidas: a do Pan Galego e a do Pan de Cea.

 

Coa súa visita esta mañá, Rueda constatou a recuperación, tras o parón da pandemia, da Feira do Pan do Porriño que celebra a súa quinta edición con degustacións, obradoiros para os cativos, música e venda de produtos das panaderías locais.

Imaxes relacionadas