A Xunta amplía o radio de acción e os servizos do seu observatorio costeiro no marco do Proxecto europeo Radar on Raia

Distintos expertos participarán o vindeiro 22 de xuño na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar no evento final desta iniciativa, coordinada polo ente dependente da Consellería do Mar

Os investigadores exporán os avances acadados desde 2019 ao abeiro desta acción e as vantaxes de empregar radares de alta frecuencia para aplicacións relacionadas con aspectos como o salvamento marítimo

Vigo, 11 de xuño de 2022 A rede de radares de alta frecuencia (HF Radar) do Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, que forma parte do Observatorio Transfronteirizo RAIA, vén de ampliar o seu radio de acción máis alá da fronteira con Portugal e ofrece novos servizos e aplicacións asociados a esa mellora que serán abordados no evento final do proxecto europeo Radar on Raia. O evento celebrarase o próximo 22 de xuño na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar e que coordina esta acción na que participan organismos galegos, nacionais e portugueses.

Os avances conseguidos nos tres anos de desenvolvemento do proxecto serán expostos nese encontro, no que distintos expertos europeos analizarán as vantaxes da tecnoloxía de radares de alta frecuencia (HF Radar), o seu futuro e as súas aplicacións no ámbito do salvamento marítimo.

Na segunda parte do evento, os socios da iniciativa Radar on RAIA darán conta do reforzo da rede de radares de RAIA, dos controis de calidade e da validación das medidas que se levan a cabo no observatorio así como do acceso aos datos e aplicacións asociadas e dos novos usos desta tecnoloxía. As persoas interesadas en asistir á xornada final do proxecto poden inscribirse neste enlace, no que tamén teñen acceso á axenda do encontro.

O Centro Tecnolóxico do Mar coordina esta acción europea financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) - Programa Interreg V-A España-Portugal (Poctep), e na que participan outros socios galegos como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela.

Nesta iniciativa tamén interveñen o Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC), Puertos del Estado e entidades portuguesas como o Instituto de Enxeñaría Mecánica e Xestión Industrial (Inegi), o Instituto de Enxeñaría de Sistemas e Computadores do Porto (Inesc) e o Instituto Hidrográfico (IH). O consorcio de Radar on RAIA leva traballando desde 2019 na posta en valor da rede de observación oceanográfica transfronteiriza RAIA, que se estende desde as costas galegas ata as do norte de Portugal.

O observatorio

O Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, que forma parte do Observatorio Transfronteirizo RAIA (www.marnaraia.org), pretende fornecer os servizos ecosistémicos que ofrecen os 1.500 quilómetros de costa e facilitar o desenvolvemento sostible dos sectores produtivos ligados á economía azul.

Ademais dá soporte a diario ás administracións públicas e a todos os usuarios da franxa costeira a través de catro piares fundamentais: a rede de observación, os modelos numéricos meteorolóxicos e oceanográficos de predición e reanálise, o sistema de xestión da información e os servizos e produtos para os usuarios finais como o Plan Camgal ou a aplicación para o sector percebeiro Percegurú.