O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou no encontro de familias con membros xordos celebrado hoxe en Negreira

A Xunta pon en valor a colaboración co terceiro sector para atender as necesidades das persoas con discapacidade auditiva

Destacou o papel da FAXPG, organizadora do encontro, como apoio para mellorar a súa autonomía

Na xornada, celebrada na Granxa Escola Bergando, programáronse actividades como hípica, visita a animais, manualidades ou tiro con arco
Negreira (A Coruña), 11 de xuño de 2022

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, puxo hoxe en valor a colaboración da Xunta coas entidades do terceiro sector de acción social para atender da mellor maneira as necesidades das persoas con discapacidade auditiva. Fíxoo esta mañá no marco do IX Encontro de Familias con Membros Xordos organizado pola Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) na Granxa Escola Bergando de Negreira.

 

Na presentación do encontro, xunto ao director xeral e FAXPG, interviñeron tamén representantes da Asociación Galega de Familias con Membros Xordos ou con Discapacidade Auditiva (ANPANXOGA), que colaborou na organización da iniciativa.

 

Jacobo Rey ensalzou o valor de entidades como FAXPG, que traballan cada día a carón das persoas con discapacidade. Así, isto permite á administración contar cun colaborador fundamental para promover políticas públicas cara á igualdade de oportunidades. Neste senso, destacou tamén a celebración deste tipo de encontros como espazos que permiten poñer en común distintas perspectivas.

 

A xornada, na que participaron familias de toda a comunidade, contou con actividades como hípica, visita a animais, manualidades ou tiro con arco, sen esquecer os momentos de descanso. Trátase do noveno encontro anual promovido pola FAXPG para poñer en contacto ás familias a través de actividades de lecer.

Imaxes relacionadas