Lorenzana destaca o papel de Agroflor na promoción da igualdade e dos valores do cooperativismo

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe Agroflor en Narón onde lembrou que a Xunta ten en marcha tres programas de axudas con case 7M€ para afianzar e dar continuidade ao traballo das entidades

A Xunta dispón este ano 1,5 millóns de euros para o Bono Consolida, que o ano pasado supuxo unha inxección de 71.000 euros a seis empresas de Narón e Ferrol
 

Narón (A Coruña), 11 de xuño de 2022 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe Agroflor en Narón, empresa que resultou este ano merecedora do Premio á Cooperación na categoría de mellor traxectoria que concede cada ano a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e que lle será entregado o próximo 2 de xullo, Día do Cooperativismo galego.

A conselleira estivo acompañada na súa visita pola delegada da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola presidenta de Agroflor, María José Manivesa. Durante a mesma quixo subliñar os valores e metas que esta entidade comparte coa Xunta que busca apoiar a economía social, “un modelo óptimo que nos conecta co rural e coas cidades, que abraza a igualdade e a xustiza”, indicou.

 

A Xunta ten en marcha na actualidade o programa Bono consolida, cuxa segunda edición sairá publicada proximamente e que este ano contará con máis de 1,5 millóns de euros “para apoiar a transformación dixital e a mellora da eficiencia enerxética, favorecendo así o incremento da competitividade das cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral ou centros especias de emprego”, dixo Lorenzana.

 

Agroflor foi unha das entidades beneficiarias o ano pasado con estas axudas (máis de 16.500 euros) coas que se trata de afianzar as entidades de economía social no territorio. Tal e como lembrou Lorenzana, soamente na área de Ferrol e Narón recibiron os apoios en 2021 seis empresas que recibiron 71.000 euros.

 

O Bono ES-Transforma, por outra banda, impulsará tamén este ano a recuperación de negocios en crise ou sen opción a remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, apoiando ás persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade destes negocios mediante a creación dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral que lles permita manter os postos de traballo e a actividade económica. A Xunta prevé beneficiar a unhas 20 entidades na nova convocatoria.

 

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten aberto tamén na actualidade (ata o 30 de setembro) o prazo para que cooperativas e sociedades laborais reciban apoios directos, a través do programa Aprol Economía Social, que se dirixe a persoas desempregadas (socias ou traballadoras destas entidades, ou de empresas que se transformen nesta fórmula económica). A Xunta dispón en 2022, 3,8 millóns de euros.

 

Emblema de identidade e igualdade

A conselleira destacou o papel de Agroflor como “emblema de identidade da economía social galega polo seu bo quefacer e pola súa lonxeva historia”. Desde a súa constitución no ano 1985, esta firma destaca pola súa pericia e destreza no cultivo e comercialización de flores ornamentais, plantas e horta, sendo, na actualidade, a única cooperativa produtora de flor que queda en Galicia. Este traballo, remarcou Lorenzana, se desenvolve cun tratamento de pouco impacto ambiental para as súas plantacións ao empregar, por exemplo, funxicidas biolóxicos que non só axudan a librarse de pragas, senón que tamén son parte fundamental dun ecosistema equilibrado.

 

“Se hai algo que me gustaría destacar de Agroflor é a súa aposta pola muller, favorecendo a súa presenza no mundo laboral e practicando co exemplo; das 6 persoas que integran o consello reitor, 5 son mulleres”, afirmou a conselleira. A cooperativa está a traballar, nestes momentos na constitución dunha Comisión de Igualdade para materializar o seu compromiso coa igualdade de oportunidades, unha iniciativa que a titular de Emprego e Igualdade tamén quixo destacar en Narón.

Imaxes relacionadas