A Xunta avalía xunto con asociacións do sector a Axenda Enerxética de Galicia 2030

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, continúa coa rolda de contactos para avanzar no impulso da eficiencia enerxética, o autoconsumo e a mobilidade sustentable

De aquí a 2024, prevese un investimento público de máis de 630 millóns de euros para contar con máis fontes de enerxía renovables buscando así mellorar a competitividade da industria galega

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2022

A secretaria xeral de Industria, Paula Uría, mantivo un encontro esta semana coa Asociación Galega do Hidróxeno (AGH2), a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (Atiga), a Asociación Eólica de Galicia (EGA) e aAsociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime) para avanzar na Axenda Enerxética de Galicia 2030.

Esta folla de ruta prevé un investimento público de máis de 630 millóns de euros na primeira fase, de aquí ao 2024, para dispor de máis fontes renovables e impulsar a eficiencia enerxética e o autoconsumo, a mobilidade eficiente e sustentable, a economía circular, a innovación tecnolóxica e os biocombustibles e gases de orixe renovable.

Entre os obxectivos estratéxicos da nova Axenda, atópase converter Galicia nunha rexión neutra en carbono no 2050, diminuír a dependencia enerxética do exterior potenciando os recursos naturais e incrementando a capacidade de xeración renovable; e impulsar a descarbonización a través do autoconsumo e o uso eficiente dos recursos. Do mesmo xeito, tamén se aposta por promover o talento e a colaboración público-privada, e construír unha industria eficiente e sustentable fomentando a economía circular e a formación.

Así, agárdase que, de cara ao 2030, as renovables representen o 84,8% da xeración de enerxía eléctrica (en 2020 representaban o 74,3%) e un 58% no consumo de enerxía final (fronte ao 46,2% do ano 2020); así como reducir a dependencia enerxética no exterior ao 39,3%.

Imaxes relacionadas