A Xunta remata os traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos de varios ríos no concello de Val do Dubra

Actuouse nunha lonxitude total de 5,3 km nos ríos Dubra e Tambre, no rego de Fontán e nun rego innominado ao seu paso pola parroquia de San Cristovo de Portomouro

Trátase de actuacións de mantemento que se veñen realizando nas áreas con risco potencial de inundacións

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de rematar esta semana os traballos de conservación e limpeza, iniciados o pasado mes de marzo, nos treitos interurbanos de varios ríos no concello de Val do Dubra.

 

Concretamente, Augas de Galicia executou estes traballos en distintos treitos interurbanos dos ríos Dubra e Tambre, no rego de Fontán e nun rego innominado ao seu paso por distintos lugares da parroquia de San Cristovo de Portomouro.

 

Estes labores forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).

 

Os treitos obxecto das intervencións suman unha lonxitude que rolda os 5,3 km, e os traballos centráronse na retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos.

 

Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedan despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

 

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-centro e nas súas zonas de acceso e protección.

 

A Xunta mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas