A Xunta licita por preto de 115.000 euros o servizo de xestión telefónica de atención, información e reserva de prazas do transporte público interurbano de Galicia

A licitación está destinada a centros especiais de emprego de iniciativa social ou empresas de inserción

O contrato prevé a posibilidade de ampliar o seu alcance coa implantación da Área de Transporte de Galicia, cun valor total de case 585.000 €

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, vén de licitar a prestación do servizo de xestión telefónica de atención, información e reserva de prazas do sistema de transporte público interurbano de Galicia.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantiveron unha reunión con representantes de COGAMI para explicarlles os obxectivos que se pretenden con este novo contrato.

Este contrato supón un investimento de preto de 115.000 euros e o seu prazo de execución será dun ano, podendo ser obxecto de prórrogas por ata catro anos máis. Prevese, tamén, a posibilidade de reforzar o servizo con motivo da implantación da Área de Transporte de Galicia e coa evolución do sistema tecnolóxico que se emprega para aboar os servizos de transporte, a tarxeta TMG. Deste xeito, o valor total do contrato roldará os 585.000 €.

Esta licitación resérvase a centros especiais de emprego de iniciativa social e a empresas de inserción, na liña impulsada desde a Xunta de promover medidas sociais na contratación pública.

O obxecto do contrato é a xestión dunha central de chamadas para ofrecer unha resposta inmediata ás solicitudes de información, peticións e incidencias formuladas pola cidadanía en relación coa prestación do servizo público de transporte regular de viaxeiros. Tamén inclúe a realización de certas xestións directas relacionadas cos servizos, tales como a reserva de praza en servizos baixo demanda.

Con este contrato a Xunta ten como prioridade garantir a prestación dun servizo dirixido a aquelas persoas que teñan máis dificultades para acceder a os servizos existente vía web, asegurando a universalidade do servizo público de transporte público.

Cómpre lembrar que todos os servizos obxecto deste contrato son complementarios ao que a Xunta presta, igualmente, a través de sistemas tecnolóxicos, especialmente a través da web bus.gal, na que se concentra a información sobre os servizos públicos de transporte regular de competencia autonómica. Ao tempo, estes servizos permiten, tamén, realizar directamente reservas de autobuses baixo demanda.

Mediante este contrato, a Xunta prevé que máis do 70% das chamadas que entren no sistema sexan atendidas persoalmente en menos de 30 segundos; e que o volume de chamadas atendidas deste xeito acade as 1.500 ao mes.

Os traballos incluídos no contrato

Máis en detalle, os servizos básicos obxecto desta contratación inclúen facilitar información sobre o sistema de transporte público da Xunta: consultas sobre servizos de transporte interurbano (horarios, paradas, calendarios, expedicións, tarifas ou bonos, así como as actuacións relacionadas coas iniciativas promovidas pola administración autonómica, tales como a tarxeta Xente Nova ou a Área de Transporte de Galicia, así como calquera outro aspecto relacionado cos autobuses da Xunta.

O contratista ocuparase tamén da realización de reservas previas en servizos de transporte con tráficos que a Xunta presta na modalidade baixo demanda, así como outras actividades relacionadas, como a xestión das incidencias notificadas a través de calquera dos medios habilitados en relación coa prestación dos servizos de autobús previamente reservados.

No marco dos servizos tamén se prevé a recepción de queixas, reclamacións e suxestións, que serán xestionadas a través, e cara, as canles marcadas na dirección do traballo, así como a realización da súa correspondente atención e a súa contestación, nos termos indicados no contrato licitado.

Ademais, o contrato propón a ampliación e mellora da información dispoñible nos sistemas de xestión destinados ao servizo de información e xestión, a elaboración de informes técnicos sobre calidade do servizo, e a realización de campañas promocionais relacionadas co fomento do uso do transporte público.

As empresas interesadas nestes traballos dispoñe ata o vindeiro 11 de xullo para presentar as súas ofertas.

A Xunta, tras completar o Plan de Transporte Público de Galicia, continúa traballando na modernización dos servizos e das infraestruturas do transporte para responder de xeito eficiente ás necesidades reais dos cidadáns en materia de mobilidade.

Imaxes relacionadas