A Xunta debate ao redor das oportunidades e riscos que implica a intelixencia artificial na administración

Máis de cen persoas formáronse na EGAP sobre as vantaxes e aplicacións da IA no sector público e sobre a regulación legal desta nova disciplina

José Manuel Romay Beccaría impartiu a conferencia de clausura do curso monográfico 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022

Cento corenta persoas asistiron onte e hoxe ao curso monográfico A intelixencia artificial na Administración, celebrado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), na que participaron importantes expertos na materia para ofrecer unha visión das oportunidades e riscos que ofrece esta nova tecnoloxía dentro do sector público e facer fincapé na súa regulación legal.

A conferencia de clausura foi impartida por José Manuel Romay Beccaría, expresidente do Consello de Estado, o cal resaltou que a innovación e o coñecemento son imprescindibles para o desenvolvemento da humanidade. Nesta liña, incidiu en que os sistemas de intelixencia artificial constitúen un motor de cambio vertixinoso, polo que o dereito ten a obriga de regular esta tecnoloxía disruptiva para garantir o respecto dos dereitos da cidadanía.

Este curso monográfico, de dez horas de duración, reuniu en Santiago de Compostela a xuristas, investigadores e empregados públicos, que debateron ao redor das diferentes vertentes que ofrece a intelixencia artificial dentro do sector público. Así, os catedráticos de Dereito Administrativo Eduardo Gamero e Alejandro Huergo abordaron o complexo marco xurídico da intelixencia artificial na toma de decisións e defenderon a supervisión humana e a auditoría como sistemas de protección dos dereitos fundamentais. Esta tese tamén foi apoiada por Eva María Mota, interventora da Administración local, que reflexionou sobre as oportunidades que ofrecen as solucións automatizadas no control das entidades locais.

Doutra banda, durante o curso, o catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema, o profesor Pablo Fernández e a investigadora Sara Louredo analizaron polo miúdo as consecuencias que terán os procesos automatizados sobre a creación de obras e invencións e as súas repercusións no dereito á propiedade intelectual e á propiedade industrial. 

Finalmente, este monográfico, tamén incluíu o relatorio do catedrático de Ciencia Política e da Administración Carles Ramió, que definiu a irrupción da IA no sector público como unha "revolución silenciosa" e defendeu un rol activo da Administración ante esta nova realidade, con valores e ética pública.

Imaxes relacionadas