A Xunta inclúe no VIII Plan de igualdade de oportunidades o fomento de estilos de vida saudables e do autocoidado das mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, tomou parte hoxe en Nigrán no encontro anual de obradoiros da Asociación de persoas afectadas de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam)

Puxo en valor o compromiso do Goberno galego por potenciar a perspectiva de xénero nas políticas de saúde e a necesidade de fortalecer os recursos públicos para as necesidades específicas de mulleres maiores, con discapacidade ou inmigrantes

O novo Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes contará no período 2022-2027 co seu maior orzamento: 935M€
 

Nigrán (Pontevedra), 10 de xuño de 2022

Unha das prioridades do VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 -que a Xunta vén de aprobar- ten como reto asegurar o benestar integral das mulleres na súa diversidade, suposto que se materializará, entre outras medidas, mediante o fomento de estilos de vida saudables e de autocoidado. Así o puxo en valor hoxe en Nigrán (Pontevedra) a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que participou no encontro anual de obradoiros sobre saúde e igualdade organizado pola Asociación de persoas afectadas de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam).

Tal e como remarcou López Abella, a Xunta incidirá nos próximos anos na necesidade de avanzar en políticas sectoriais de cohesión social e dinamización demográfica e no benestar e a calidade de vida das mulleres. Para facelo “unha das prioridades de actuación será o fomento de estilos de vida saudables e o autocoidado”, dixo.

“É importante fomentar a actividade física, a alimentación saudable, previr desaxustes psicolóxicos, sempre considerando as diferentes situacións de mulleres e homes que conflúen no benestar”, indicou a secretaria xeral, quen considerou necesario, ademais, atender a problemas que prevalecen máis entre elas, como trastornos relacionados coa alimentación ou a depresión relacionada coa sobrecarga de responsabilidades.

O plan estratéxico porá o foco no benestar específico de mulleres maiores, abrindo o paso a desenvolver un envellecemento activo e a recursos de autocoidado.

López Abella puxo en valor as políticas de igualdade que a Xunta está a desenvolver no eido da sanidade, onde xa se prevé que as actividades que se desenvolvan teñan en conta as diferenzas entre homes e mulleres “desde a planificación dos servizos, ata a práctica asistencial ou a investigación médica”, subliñou a representante de Igualdade, quen defendeu a formación do persoal sanitario como a mellor canle para consolidalas.

En canto aos recursos, López Abella reclamou que teñan en conta a diversidade das mulleres -por cuestións de idade, discapacidade, migración- para que os servizos e a información que reciban se adapte ás súas necesidades.

A atención ás mulleres en cuestións de saúde e a salvagarda dos seus dereitos relacionados coa saúde sexual e reprodutiva consolidarase grazas á folla de ruta que rexerá as medidas a prol da igualdade de oportunidades que desenvolverá o Goberno galego nos próximos anos. Así, a Xunta vén de aprobar o VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 cun orzamento de 935,5 millóns de euros, o maior da historia dun documento de planificación destas características. Ten como reto de avanzar na loita contra as discriminacións e previr a violencia de xénero para conseguir unha igualdade de xénero real e efectiva en todos os ámbitos.

O plan outorgará máis estabilidade ás políticas autonómicas de igualdade. Como novidade dará máis relevancia á empregabilidade, ao emprendemento e á eliminación da fenda salarial; á igualdade nos eidos do rural e do mar; e ao apoderamento, sororidade e participación social da muller en todas as esferas da vida pública e privada.