A Xunta destaca o potencial de Galicia na oferta de servizos biotecnolóxicos para mellorar a calidade de vida das persoas

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou o Instituto de Estudios Celulares y Moleculares (ICM) en Lugo

A empresa, con 25 anos de historia e especializada en diagnostico xenético, emprega as tecnoloxías dixitais para avanzar cara a unha medicina preditiva e personalizada
 

Lugo, 12 de xuño de 2022

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, acompañada polo conselleiro delegado executivo da Confederación de Empresarios de Lugo, Eduardo Valín, visitou esta semana a empresa lucense Instituto de Estudios Celulares y Moleculares (ICM) que presta servizos asistenciais de xenética a laboratorios, hospitais e aseguradoras médicas.

Durante a visita, a directora da Axencia Galega de Innovación, dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, destacou a competitividade do sector biotecnolóxico galego, conformado por 150 empresas que facturan 900 millóns de euros e que axudan a reter e atraer talento, así como a xerar un ecosistema que se está consolidando. Puxo como exemplo, no eido da biotecnoloxía sanitaria, á empresa lucense, recentemente adquirida pola multinacional española Atris Health, que dispón dunha unidade de xenotipado de gran capacidade.

Argerey destacou que ICM emprega tecnoloxías avanzadas como o Big Data e a intelixencia artificial para mellorar a precisión diagnóstica a custo reducido e avanza cara a medicina preditiva e personalizada, que emprega a xenética para a prevención. Precisamente, a directora da Axencia Galega de Innovación subliñou que unha das prioridades da política de I+D+i é a orientación cara as persoas, abordando os retos da sociedade en ámbitos como a alimentación, a saúde e o envellecemento activo, e convertendo a Galicia nunha contorna de referencia mundial para o desenvolvemento e testeo de novas oportunidades científico-tecnolóxicas e empresariais.

Ademais, contextualizou a aposta do Executivo galego pola biotecnoloxía como piar fundamental no novo modelo económico que se está a impulsar, baseado no coñecemento para avanzar cara a unha Galicia máis resiliente, dixital e sostible. Actualmente, estase a executar a Estratexia de consolidación do sector para o período 2021-2025, que aspira a mobilizar 662 millóns de euros. O obxectivo é situar a Galicia como unha das principais rexións biotecnolóxicas a nivel internacional, fomentando a xeración de negocio e a consolidación empresarial arredor dun polo de innovación biotecnolóxica, que actuará como panca para o bioemprendemento de novas iniciativas empresariais e a atracción de empresas tractoras e intensivas en I+D+i.

Neste contexto, segue aberta ata o 20 de maio a nova convocatoria Consolida Bio, dotada con 3 millóns de euros, que ten como obxectivo apoiar o reforzo  das pemes do sector biotecnolóxico con menos de oito anos de antigüidade. A través destas axudas fináncianse os investimentos produtivos e tecnolóxicos, así como as actividades de innovación que precisan para levar ao mercado solucións baseadas en biotecnoloxía e seguir desenvolvendo coñecemento e solucións innovadoras para o mercado nos vindeiros anos.

Galicia tamén quere estar presente no Perte para a Saúde de Vangarda, que supón unha oportunidade para todo o ecosistema de saúde e medicina personalizada. Entre outras accións, Galicia coordina o proxecto Impact Genómica, liderado por Ángel Carracedo, e participa no Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á Saúde, xunto a outras catro comunidades autónomas, para desenvolver ferramentas de diagnóstico, pronóstico e terapias de medicina personalizada.

Imaxes relacionadas