O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica asistiu ao foro da DG MARE da Comisión Europea sobre o balance da PPC

Galicia defende en Bruxelas que a futura política pesqueira común teña en conta as singularidades das distintas rexións pesqueiras

O evento que acolle hoxe a capital belga é o paso máis importante do proceso de consulta que está a realizar a Comisión Europea para o informe sobre o funcionamento da PPC tras ter lugar debates a nivel rexional como a xornada organizada esta semana na Coruña
 
O ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca sobre a folla de ruta da pesca europea defende unha PPC que aposte pola remuda xeracional, o comercio pesqueiro xusto, a pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global

Estas cuestións xiran arredor doutros cinco obxectivos fundamentais como reforzar a unidade da Unión Europea en termos pesqueiros, acuícolas e de transformación e comercialización de produtos do mar e o desenvolvemento dun campo de xogo en igualdade de condicións
 
A comunidade galega trazou unha folla de ruta de debate con diferentes axentes de interese na procura de solucións conxuntas que satisfagan as demandas do sector marítimo-pesqueiro de cara á revisión da PPC e que ten como punto de partida o ditame elaborado no seo do Consello Galego de Pesca
Bruxelas, 10 de xuño de 2022

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, asistiu hoxe ao foro da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea (DG MARE) Balance da Política Pesqueira Común da Unión Europea. Seguir avanzando na pesca sustentable cara unha contorna competitiva e resiliente. Esta cita constitúe o paso máis importante do debate na folla de ruta que pode levar á revisión da PPC por parte da Comisión Europea e na que Galicia quixo estar presente ante a necesidade de que se teñan en conta as singularidades das distintas comunidades pesqueiras como quedou recollido no ditame elaborado polo Consello Galego de Pesca que inclúe as suxestións da comunidade neste eido.

O evento que acolle hoxe a capital belga ten lugar tras celebrarse outros debates a nivel rexional como a xornada organizada esta semana na Coruña pola Xunta en colaboración coa Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) e na que participaron representantes de distintas institucións nacionais e europeas, así como das principais rexións pesqueiras da Unión Europea e do sector marítimo-pesqueiro.

Galicia considera que a futura PPC ten que constituírse como unha solución europea e europeísta que reforce a cohesión social e económica, así como reforzar a unidade da Unión Europea en termos pesqueiros, acuícolas e de transformación e comercialización de produtos do mar. Ao mesmo tempo, avoga polo desenvolvemento dun campo de xogo en igualdade de condicións (level playing field), tanto cara ao interior como cara ao exterior da Unión Europea, xerando a maior seguridade xurídica posible.

Outra das cuestións básicas son a revisión do concepto de zona altamente dependente da pesca cara aspectos clave na sociedade actual como a produción de alimentos de calidade. A estes asuntos engadiríanse a necesidade de adoptar medidas de xestión que permitan mellorar a aplicación da obriga de desembarque de capturas e a revisión do criterio de asignación de cotas para adecualo ao patrón de capturas de cada pesqueira.

O ditame de Galicia sobre a PPC recolle cinco eixos estratéxicos que pasan por unha Política Pesqueira Común social e de futuro, un comercio pesqueiro xusto, unha pesca sostible e compatible coa conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático e a cogobernanza global como base para a sustentabilidade da actividade.

Estas liñas dan lugar a dez obxectivos específicos como a necesaria renovación da frota pesqueira para facilitar a remuda xeracional ou o estímulo da igualdade de xénero. Entre elas tamén está a demanda á UE para que formule ante a Organización Mundial de Comercio (OMC) unha proposta de homoxeneización da fiscalidade en todos os países produtores internacionais de peixes e mariscos para que se manteña a bonificación a todos os combustibles ata que existan alternativas viables ao uso dos de carácter fósil.

Pasos dados por Galicia

Galicia trazou unha folla de ruta de debate con diferentes axentes de interese na procura de solucións conxuntas que satisfagan as demandas do sector marítimo-pesqueiro. O ditame elaborado no seo do Consello Galego de Pesca foi trasladado ao Parlamento de Galicia e farase o mesmo cos representantes galegos no Congreso dos Deputados, no Senado e no Parlamento Europeo.

Esta folla de ruta tamén inclúe contactos con outras rexións pesqueiras europeas -que comezou en febreiro cunha visita á Bretaña francesa e continuará nos próximos meses con Países Baixos, Dinamarca e Irlanda- para crear sinerxías e pechar alianzas así como seguir traballando da man das principais organizacións pesqueiras europeas e das grandes redes de rexións costeiras atlánticas.

Imaxes relacionadas