Luis López anuncia que a Xunta executará ou activará case 6 M€ en investimentos ao longo deste ano no concello de Pontecesures

O delegado territorial presidiu esta mañá a sesión mensual de xuño da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, celebrada no consistorio de Pontecesures, ao abeiro do seu percorrido itinerante pola provincia, que xa a levou por Oia, Covelo, O Grove, Campo Lameiro, Lalín e Marín

“Pontecesures é un concello estratéxico de Pontevedra, que dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna entre dúas provincias na desembocadura do Ulla, e por iso a Xunta aposta de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos que amosan o noso compromiso e colaboración co seu desenvolvemento”, explicou o representante autonómico

Luis López, que xunto aos xefes territoriais foi recibido polo alcalde, Manuel Vidal, destacou o proxecto do novo parque empresarial, as melloras viarias na PO-214 e PO-548, a reforma integral do Clube Náutico, as obras no colexio e o centro de saúde, o Plan Marco para pistas ou a sinalización do Camiño de Santiago
 

Pontecesures, 10 de xuño de 2022

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este mediodía que o Goberno galego executará ou activará investimentos por case 6 millóns de euros ao longo deste ano no Concello de Pontecesures, segundo se analizou na sesión mensual de xuño da Comisión Territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra celebrada nesta vila da comarca do Baixo Ullán.

“Pontecesures é un concello estratéxico da provincia e ademais dinamiza social e economicamente a unha ampla contorna entre as provincias de Pontevedra e A Coruña na desembocadura do Ulla, polo que dende a Xunta apostamos de xeito global polas súas necesidades cuns fortes investimentos, que son perfectamente visibles, que proceden de todas as consellerías con moita intensidade e que amosan o absoluto compromiso do Goberno galego para colaborar co seu desenvolvemento”, explicou o representante autonómico.

O delegado territorial, acompañado pola ducia de xefes territoriais das distintas consellerías que conforman este órgano, foi recibido na casa consistorial polo alcalde de Pontecesures, Manuel Vidal, e por outros representantes municipais e agradeceu a acollida e a cesión destas instalacións para celebrar esta comisión ao abeiro do seu percorrido itinerante por toda a provincia.

No marco desta política de descentralización e cercanía da Delegación da Xunta en Pontevedra por todo o territorio da área provincial, estas xuntanzas de traballo xa se celebraron anteriormente nos municipios de Covelo, Oia, O Grove, Campo Lameiro, Lalín e Marín e chegaron por vez primeira á zona do Baixo Ullán na bisbarra de Caldas.

Na reunión fíxose un estudo de situación das principais cuestións da Xunta de Galicia nos 47 concellos da área territorial, abordando a situación sanitaria actualizada da pandemia da covid-19 tras o levantamento das restricións, o remate do curso académico e os preparativos do vindeiro, os aspectos turísticos xerais e vencellados ao Xacobeo, as medidas iniciais en materia de prevención de lumes forestais ante a inminente chegada do verán, as distintas ordes de axuda da Xunta que están en vigor ou a situación socioeconómica derivada da inflación, entre outras.

Así mesmo, e tal e como se fai en cada municipio que acolle a comisión, analizáronse polo miúdo os investimentos da Xunta, neste caso os 5,9 millóns de euros para o Concello de Pontecesures, co obxectivo de trasladar diversos aspectos ás distintas consellerías para que a súa xestión sexa o máis áxil posible.

No caso deste municipio, os investimentos 2022 previstos ata a data polo executivo autonómico, xa que poderían medrar nos seis meses que restan de ano, pasan pola activación do novo parque empresarial, de 304.000 m2 entre as estradas PO-548 e N-550, que está orzamentado en 4,6 millóns de euros e que ten licitada a redacción do proxecto por 100.000 euros; a reforma integral do Clube Náutico por máis de 700.000 euros; a mellora da seguridade viaria con regulación semafórica na PO-214 con case 50.000 euros e actualmente en obras; o inminente reforzo do firme no treito da PO-548 no municipio que suporá uns 200.000 euros neste territorio; ou a sinalización e outras melloras no Camiño de Santiago por 168.000 euros.

Así mesmo, tamén están recén rematadas, en marcha ou previstas outras actuacións menores, como a remodelación do centro de saúde por 30.000 euros; o revestimento de paredes e teitos do colexio público tamén por 30.000 euros; a concesión de tres traballadores temporais do Risga e do Aprol por máis de 43.000 euros; o Plan Marco de mellora de pistas con 45.000 euros; ou o reforzo dos Servizos Sociais con 120.000 euros do Plan Concertado.