A Xunta pon en marcha unha nova liña de subvencións dotada con 850.000 euros para as salas de cine galegas

Apoiaranse proxectos de innovación, funcionamento dixitalizado e sustentable, creación e fidelización de públicos, e adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual para espazos de exhibición comercial

O DOG publica hoxe as bases desta convocatoria, para a que o prazo de solicitude estará aberto desde mañá e ata o 11 de xullo

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022 A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases dunha nova liña de axudas dirixida ás salas de cine galegas, para a que se reserva unha dotación de preto de 850.000 euros. Esta contía destinarase integramente a incentivar a modernización dos espazos de exhibición cinematográfica, de xeito que se subvencionarán proxectos relacionados coa innovación, o funcionamento dixitalizado e sustentable, a captación e fidelización de públicos e a adaptación aos novos hábitos de consumo audiovisual.

 

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xestiona esta nova convocatoria, a través do seu departamento de Industrias Culturais e no marco do do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU. Ao seu abeiro, o pasado mes de abril adxudicáronse máis de 1,21 millóns de euros para a modernización e xestión sostible de 46 teatros, auditorios e salas de exhibición de artes escénicas e musicais. Ademais, nestes momentos atópase en proceso de tramitación a primeira das convocatorias do programa Territorio Cultura, que destina preto de 630.000 euros a ampliar e diversificar a oferta cultural en núcleos non urbanos.

 
Axudas de ata o 80%

As persoas autónomas ou empresas titulares de salas de exhibición comercial de cine poden solicitar estas axudas, en réxime de concorrencia competitiva, desde mañá e ata o vindeiro 11 de xullo. As bases establecen unha intensidade da axuda de ata o 80% do orzamento subvencionable, cun límite máximo por adxudicación que varía en función do número de pantallas dos espazos: dos 21.600 euros no caso dos que dispoñan dunha soa pantalla ata os 55.300 euros para os de 15.

 

As contías concedidas destinaranse a proxectos que se leven a cabo ata o 20 de abril de 2023 en relación cun ou varios dos tres eixos preestablecidos na convocatoria: dixitalización e aplicación de novas tecnoloxías, medidas de desenvolvemento sustentable e impacto ambiental positivo, e captación e fidelización de públicos, así como innovación tanto na programación como na circulación de producións europeas e en linguas oficiais de España.

 

Con esta nova liña de apoio, refórzase en máis do 140% o investimento da Xunta neste ámbito respecto a 2021, ano no que 21 salas comerciais de 13 localidades foron destinatarias dunha convocatoria dotada con 350.000 euros para contribuír á súa viabilidade. Recoñecíase así o papel fundamental destes establecementos para o conxunto do sector audiovisual, nun momento no que a crise sanitaria supuxo unha forte diminución dos seus ingresos directos, non só polas restricións aplicadas, senón tamén polos cambios de hábitos no consumo audiovisual derivados do crecemento das plataformas dixitais.

Imaxes relacionadas