O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou hoxe na entrega de diplomas ás participantes

A Xunta financia con 84.000 euros un programa de inserción sociolaboral para mulleres en risco de exclusión en Lugo

Está xestionado por Alar Galicia e formou a 70 participantes nos case dous anos de vixencia, das que 20 recibiron hoxe os seus diplomas na Delegación Territorial

Lugo, 10 de xuño de 2022 A Consellería de Política Social e Xuventude destinou  preto de 84.000 euros a un programa de inserción sociolaboral e mediación social dirixido a mulleres en risco de exclusión e ás mulleres inmigrantes, que desenvolveu Alar Galicia e que contou con 70 participantes desde o seu inicio, en outubro do 2020.

 

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a entrega de diplomas ás últimas 20 mulleres que seguiron este ano os itinerarios personalizados de inserción propostos ao abeiro deste proxecto. No acto participaron o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o director de Alar Galicia, Fernando González.

 

A iniciativa ofreceu ás usuarias formación en materia de desenvolvemento persoal, fomento da igualdade, mediación social ou busca activa de emprego, e tamén coñecementos concretos como introdución á informática, manipulación de alimentos, manexo de carretillas elevadoras e actividades auxiliares de almacén. Deste xeito, unha vintena das mulleres que remataron o programa o pasado ano conseguiron un emprego e están traballando na actualidade.

 

Colaboración coas entidades sociais

Arturo Parrado tamén destacou no acto a fluída, intensa e necesaria colaboración do Goberno galego coas entidades que traballan no ámbito social para optimizar os recursos e multiplicar as propostas en todo o territorio.

 

A Xunta colabora con Alar Galicia para facilitar medidas de actuación en diferentes eidos, como a igualdade e a loita contra a violencia de xénero, a asistencia a menores ou a promoción do emprego.

Imaxes relacionadas