Conde destaca a valía da nova secretaria xeral de Industria e do director xeral de planificación enerxética para levar adiante as prioridades e obxectivos da axenda enerxética de Galicia 2030

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu á toma de posesión de Paula Uría, como secretaria xeral de Industria, e de Pablo Fernández Vila, como novo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

Destaca a importancia da inclusión no organigrama da Xunta de Galicia, por primeira vez, dunha Secretaría Xeral de Industria
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu á toma de posesión de Paula Uría, como secretaria xeral de Industria, e de Pablo Fernández Vila, como novo director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais. Durante a súa intervención, destacou a valía de ambos os dous para levar adiante as prioridades e obxectivos recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030.

 

Conde agradeceulles o seu si a seguir traballando desde as súas novas responsabilidades ao servizo dos galegos e galegas e tamén o seu si a seguir formando parte do equipo da Vicepresidencia primeira, pois Paula Uría era ata agora a directora xeral de Panificación Enerxética e Pablo Fernández Vila, o xefe territorial de Ourense.

 

O vicepresidente económico puxo en valor a importancia da inclusión, por primeira vez, da Secretaría xeral de Industria no organigrama da Xunta de Galicia, xa que desenvolverá un papel esencial na implantación de industria e captación de investimento cara a Galicia. Un labor que precisará da coordinación con outros departamentos do Goberno autonómico en canto a oferta de solo industrial ou axilización administrativa e na que será prioritaria a interlocución cos axentes económicos e sociais.

 

No eido da Dirección Xeral, incidiu na relevancia de avanzar na Axenda Enerxética e camiñar cara a unha Galicia máis industrial á vez que eficiente e sustentable.

Imaxes relacionadas