A Xunta pon en valor o medio rural e o mar de Galicia no festival da New Bauhaus, ideado para pensar a sociedade do futuro

O director da Axencia Galega da Industria participou na lectura duns contos cunha mensaxe visibilizadora sobre formas de desenvolvemento sostible

O conto A Super-Acción de Mauricio nace co obxectivo de visibilizar e sensibilizar sobre o padecemento dunha enfermidade mental e eliminar prexuízos ao mesmo tempo que se enxalza o mundo mariño e a calidade dos seus produtos

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022 O director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, asistiu esta mañá ao obradoiro de contacontos do festival New European Bauhaus Galicia, celebrado no CEIP López Ferreiro de Santiago de Compostela. Este evento, impulsado pola Comisión Europea, abre un foro para o debate de novas formas de vida mediante o encontro entre campos como o artístico, o cultural, o científico e o tecnolóxico, co obxectivo de imaxinar e construír unha sociedade sostible e inclusiva para as novas xeracións.

 

Aboal participou na lectura do conto Aventuras no bosque de Maruxa, Xaquín e Fuco, unha nova e actualizada versión do conto dos Tres Porquiños na que se explica ás futuras xeracións a reciclaxe e reutilización en calidade de mobiliario dunha batea de madeira coma exemplo de bioeconomía circuar. Este conto forma parte dunha iniciativa promovida pola Federación Empresarial de Aserradeiros e Rematantes e financiada pola Axencia Galega de Industria Forestal, dependente da Consellería do Medio Rural.

Ao evento tamén asistiu a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e nel tamén tivo lugar o contacontos A Super-Acción de Mauricio, unha publicación creada pola Asociación de Saúde Mental A Mariña ao abeiro do proxecto Sabores do mar, saboreando a vida apoiado pola Xunta de Galicia a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro A Mariña-Ortegal.

 

Este conto constitúe a primeira obra literaria sobre saúde mental en Galicia e está creada integramente por persoas con enfermidade mental. É a historia dun rapaz de Viveiro que embarca en Burela para a captura da pescada e que, estando en alta mar, sofre un brote psicótico e comeza a falar co peixe. Trátase dun exemplo para os máis pequenos pois nace co obxectivo de visibilizar e sensibilizar sobre o padecemento dunha enfermidade mental e eliminar prexuízos ao mesmo tempo que se enxalza o mundo mariño e a calidade dos seus produtos.

Departamento:
C. do Medio Rural