Trenor supervisa o inicio das obras das dúas novas sendas na AC-214 entre a Xira e Cambre e en Sigrás, que contan cun investimento de máis de 1,3M€

A Xunta está a impulsar no Concello de Cambre a execución de tres novas sendas, que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas seguros, sostibles, saudables e integrados na paisaxe, cun investimento de case 2 M€

Estes dous itinerarios complementarán outra senda de 760 metros na AC-213 na Telva, que xa está adxudicada e á que destinarán outros 380.000€

Cambre (A Coruña), 10 de xuño de 2022 O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou hoxe o inicio das obras de construción de dúas novas sendas peonís previstas na AC-214 no treito entre A Xira e Cambre e en Sigrás que se están executando de forma paralela e que xuntas supoñen un investimento autonómico de máis de 1,3 millóns de euros.

A Xunta tamén ten previsto iniciar en breve outra senda na AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo, á que destinará arredor de 380.000 euros, habilitando dúas sendas diferentes e complementarias, cunha lonxitude total de 680 metros: 540 na estrada AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro.

 

Trenor destacou que con estas tres actuacións o Goberno galego está “a impulsar no Concello de Cambre a execución de tres sendas, que suporán a construción de 2,7 novos quilómetros de itinerarios peonís e ciclistas seguros, sostibles, saudables e integrados na paisaxe, cun investimento de case 2 millóns de euros.

Trenor destacou a importancia deste tipo de actuacións porque “fomentan a mobilidade sostible e melloran a seguridade viaria deste municipio coruñés”.

Senda A Xira-Cambre

A Xunta está executando a senda na estrada autonómica AC-214 no treito entre A Xira e Cambre, no concello de Cambre. Esta actuación conta cun investimento do Goberno autonómico de máis de 585.000 euros e ten un prazo para as obras de 8 meses.

O proxecto recolle a construción dunha senda mixta, peonil e ciclista, de máis de 1,3 quilómetros de lonxitude, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+220 e 8+540, conectando núcleos de poboación entre eles e zonas de equipamentos e servizos.

O itinerario peonil e ciclista executarase pola marxe esquerda da AC-214, adaptado na súa configuración ás edificacións existentes, posibilitando o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira, rematando na estrada AC-213. Deste modo, a senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río Mero, e a través destes e doutras sendas que está a promover a Xunta de Galicia, cos núcleos e centros de servizos do Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro.

 

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros de ancho, que se inicia no punto quilométrico 7+220 da vía autonómica AC-214, e discorre paralela a esta pola marxe esquerda, executándose entre treitos xa existentes, para atravesar a ponte existente sobre o río Mero e rematar no punto 8+540.

 

No seu percorrido, o itinerario discorre por treitos de solo rústico e treitos de solo urbano. Nestes últimos existen beirarrúas que serán reparadas, para o que se procederá ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Ademais, acondicionarase a entorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605.

 

Na intervención proxéctase, tamén, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude, respectivamente, e de altura variable de 1 a 2,50 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río existente.

 

Esta actuación é financiada a través dos fondos FEDER 14/20.

 
Senda Sigrás

Os traballos de execución deste itinerario na AC-214 céntranse no tramo que vai desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo, e suporán un investimento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade de máis de 740.000 euros.

Esta intervención de mellora da mobilidade peonil e da seguridade viaria execútase nun treito da vía autonómica con pouca dispoñibilidade de espazo, o que fai necesario a execución de muros de sostemento para conseguir unha plataforma ampliada na que se poida dispoñer a senda.

 

Así, desde o pasado mércores día 8 é necesario o corte total do tráfico, salvo para residentes, entre a N-550 e a AC-213.

 

Para minimizar a afección no tráfico durante esta fase dos traballos, cuxa duración estimada é de catro meses, habilítase a circulación dos vehículos a través do parque empresarial de Alvedro e a AC-213.

 

Máis en detalle, o novo itinerario en Sigrás, duns 720 metros de lonxitude, contará con pavimento de formigón e unha sección variable adaptada á configuración da estrada, que conta con edificacións nas súas marxes. En calquera caso, garántese a accesibilidade mediante unha sección mínima de 1,80 metros, máis 20 centímetros de bordo transitable de separación da calzada.

 

Ademais, ampliarase a calzada entre os puntos quilométricos 8+860 e 9+280, xa que a actual sección é insuficiente, e conseguiranse dous carrís de 3 metros e beiravías de 0,5 metros. Nas zonas nas que sexa posible acondicionarase banda de aparcadoiro.

 

A intervención, que no seu conxunto conta cun prazo de execución de 9 meses, complétase coa execución da necesaria drenaxe, sinalización vertical e horizontal, balizamento e defensas e acondicionamento de dúas das paradas de bus.

 

Esta intervención conta co financiamento dos fondos europeos FEDER React-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da covid-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas