A Xunta publica a versión definitiva das guías de ordenación produtiva cos usos máis idóneos para as aldeas modelo de Pedrosa en Riós e Bustelo de Fisteus en Quiroga

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas poden consultar as guías nos taboleiros de anuncios dos concellos pertinentes ou na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2022 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as resolucións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, polo que se someten a información pública a versión definitiva das guías de ordenación produtiva das aldeas modelo de Pedrosa, no concello ourensán de Riós, e de Bustelo de Fisteus, no concello lugués de Quiroga.

 

Estas guías de ordenación produtiva configúranse como un documento técnico no que se delimitan os usos produtivos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas nestas aldeas modelo, dende os puntos de vista económico, técnico, social e ambiental. Nesa liña, contémplanse unha serie de usos preferentes e outros secundarios. Así mesmo, indícanse os prazos e prezos establecidos para os grupos de cultivos e aproveitamentos, así como a descrición das actuacións a levar a cabo para a súa posta en produción.

 

Así, no caso da aldea modelo de Pedrosa, en Riós, establécense como usos principais o aproveitamento mixto gandeiro en extensivo con cultivos agrícolas de ciclo curto ou cultivos complementarios á explotación (25,99 ha), árbores froiteiras e cultivos de ciclo curto (2,07 ha) e gandería en extensivo (21,79 ha), o resto da superficie da aldea considérase improdutiva debido ás características do terreo. Neste caso, a aldea modelo abrangue unha superficie de 52,03 hectáreas na contorna do núcleo de poboación, distribuídas en 922 parcelas de 164 propietarios.

 

Mentres, na aldea de Bustelo de Fisteus, en Quiroga, apóstase pola multifuncionalidade establecendo como actividade principal o aproveitamento sostible de castiñeiros para froito con gando en extensivo (2,26 ha), uso mixto de árbores froiteiras con gando en extensivo (4,76 ha), cultivos agrícolas (1,23 ha) e gandería en extensivo (4,18 ha). Cabe lembrar que esta iniciativa servirá para recuperar unha superficie de 12,68 hectáreas na contorna do núcleo de poboación que se porá en valor, distribuídas en 269 parcelas de 38 propietarios.

 

Os produtores interesados en incorporarse a algunha destas aldeas modelos deben ter en conta que posteriormente a esta publicación abrirase o prazo de concorrencia competitiva para o aproveitamento dos terreos. Estas guías poden consultarse tanto nos taboleiros de anuncios dos concellos nos que se sitúen as aldeas modelo como na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal/gl/banco-de-terras/aldeas-modelo/). De xeito presencial, os interesados en obter toda a información poderán achegarse ás dependencias da Axencia (lugar da Barcia, nº 56, Laraño, Santiago de Compostela), de luns a venres, das 9,00 ás 14,00 horas, logo de solicitar cita previa no número de teléfono 881 997 193.

 
 

Enlace á resolución no DOG da aldea de Pedrosa, en Riós:

 

Enlace á resolución no DOG da aldea de Bustelo de Fisteus, en Quiroga:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220610/AnuncioO90-300522-0001_gl.html