Medio Rural pon en valor as aldeas modelo e o Proxecto Horta como iniciativas destinadas a reconectar coa natureza e promover a economía circular

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural explicou ambos proxectos na mesa de diálogo celebrada no marco do festival New European Bauhauss Galicia

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participou esta mañá na mesa de diálogo “Reconectar coa natureza e promover a economía circular”, no marco do festival New European Bauhaus Galicia.

 

Na súa intervención neste acto, celebrado na Cidade da Cultura, a directora xeral explicou as diferentes iniciativas postas en marcha pola Consellería do Medio Rural vinculadas a este proxecto da Xunta, enmarcado na New European Bauhaus, que ten como obxectivo crear novos espazos sustentables na sociedade e, en particular, na contorna dos centros sanitarios galegos. Así, referiuse en concreto ás aldeas modelo e ao proxecto Horta.

 
Aldeas modelo

En relación coa primeira destas iniciativas, Inés Santé definiu as aldeas modelo como un mecanismo no que se promoven actuacións para a fixación da poboación rural, así como o envellecemento activo e saudable. Sinalou ademais que en Galicia o concepto de Smart Villages conecta co das aldeas modelo, postas en marcha pola Xunta ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria. Desta forma, engadiu a directora, mediante esta figura complementaranse os traballos de recuperación da terra arredor dos núcleos de poboación con ese enfoque de innovación e dixitalización.

 

Para acadar ese obxectivo -trasladou Santé-, contémplanse estratexias e actuacións como as relacionadas coas solucións ambientais, a economía circular, a promoción de produtos locais apoiada por tecnoloxía e TIC e a especialización intelixente de proxectos agroalimentarios e actividades culturais.

 
Proxecto Horta

Con respecto ao proxecto Horta, a directora xeral indicou que, en conxunto, esta iniciativa contempla a creación de 15 hortas de 400 m² cada unha, nunha parcela de 2,5 hectáreas do Banco de Terras no concello de Ferrol. Así mesmo, haberá un edificio para sala de formación, aseos e almacén, un invernadoiro de 600 m² e instalacións auxiliares de rego, electricidade con enerxías renovables e sistema de depuración. Esta edificación rematarase en madeira de piñeiro do país con criterios de integración paisaxística.

 

Este proxecto poderá albergar actividades organizadas polo hospital de Ferrol e destinadas a colectivos sociais con interese na produción agraria, así como a formación e o apoio a iniciativas de loita contra a exclusión social.

Imaxes relacionadas