A Xunta impulsará a mellora das instalacións de sete espazos termais de uso lúdico

A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación destina máis de 800.000 euros a estes recintos

Estas actuacións contribuirán a fomentar o turismo e dinamizar a economía local dos concellos de Ourense, Punxín, Cenlle e Salvaterra de Miño
 

Santiago de Compostela, 09 de xuño de 2022

O Consello da Xunta coñeceu esta mañá a resolución da convocatoria de axudas para acondicionar e mellorar as instalacións dos espazos termais de uso lúdico de Galicia. En total, apoiaranse sete proxectos nun total de catro concellos galegos -Ourense, Punxín, Cenlle e Salvaterra de Miño- cun total de 801.777,67 euros.

 

Trátase dunha nova liña de apoios posta en marcha este ano pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación co obxectivo de apoiar aos concellos galegos na realización de intervencións que contribúan a ofrecer máis e mellores servizos nas instalacións de augas termais do territorio.

 

As axudas cobren ata un máximo de 150.000 euros por proxecto e permitirán introducir melloras nas Burgas, a Burga do Canedo e A Chavasqueira (Ourense); así como na área termal do Bañiño (Punxín); Barbantes (Cenlle) e no espazo de Teáns (Salvaterra de Miño). Prevese unha mobilización total de 1,5M€.

O desenvolvemento destes proxectos suporá unha oportunidade para a posta en valor e uso deste tipo de espazos, o que contribuirá a fomentar o turismo e, en definitiva, a dinamización económica dos municipios.

 

Estes apoios enmárcanse no compromiso da Xunta de impulsar estes espazos, adaptándoos á demanda real da sociedade actual. Así, coa Lei de aproveitamento lúdico de augas termais de Galicia, a Comunidade converteuse en pioneira en España en regular estas instalacións, impulsando un crecemento ordenado e seguro do sector.