Rueda anuncia a aprobación dun proxecto de melloras nas infraestruturas e na accesibilidade na illa de Ons no marco do Plan Xacobeo Next Generation

Destaca que o proxecto conta cunha dotación de 1,4 millóns de euros co fin de mellorar as infraestruturas básicas da illa e a súa accesibilidade, ademais de levar a cabo unha reordenación do mobiliario público

Di que inclúe tamén melloras na xestión de residuos, en camiños e sendeiros, e a implantación de sinalización dixital e de ferramentas para a xestión de fluxos turísticos e control de aforamentos de visitantes

A Xunta ten posto en marcha o Plan Xacobeo Next Generation, cun investimento de 39,2M€ destinados a 12 bens de interese cultural que contarán cunha axuda de 22,7 millóns de euros co obxectivo de rehabilitar e poñer en valor o patrimonio galego vinculado co Camiño de Santiago

No marco do Plan tamén se inclúen as accións de cohesión en destino con 8,4 millóns de euros de orzamento e os plans de sustentabilidade turística en destino que contan con 8,1 millóns de euros
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño -.

O titular da Xunta anunciou hoxe a aprobación dun proxecto de acondicionamento da Illa de Ons que contará cun investimento de 1,4 millón de euros. “Trátase de facer melloras nas infraestruturas básicas e na accesibilidade, na xestión de residuos, na sinalización ou no control de aforamentos de visitantes”, engadiu.

Máis polo miúdo, explicou que as áreas de actuación serán: o punto de acceso á illa, o centro de Información, a rúa principal da vila, o espazo da contorna da depuradora, o acceso ás praias do sueste, a sinalética e mobiliario dos espazos públicos, a recuperación dos camiños da illa e a mellora do almacén para dornas, habilitando para os pescadores unha área máis protexida e privada, cun novo portalón de madeira que permita controlar o acceso.

 

Este proxecto enmárcase nos 12 BIC de titularidade pública galegos dentro do Plan Xacobeo Next Generation polo cal se levan a cabo proxectos de mantemento e rehabilitación do patrimonio histórico galego.

 

Así, dixo, nunha primeira fase levarase a cabo a recuperación da calidade do espazo público nas vías de uso máis intenso, coa renovación dos acabados e introducindo materiais naturais e locais como o granito e a madeira. Ademais, o proxecto inclúe mellorar as infraestruturas básicas como son as instalacións eléctricas da vía principal

 

O proxecto actúa tamén na mellora dos roteiros existentes da illa, a través do acondicionamento da capa de pisada naquelas áreas dos camiños que a acción da intemperie deteriorase a súa superficie de tránsito, ademais propóñense un par de puntos de descanso nas sendas a modo dun macizo de pedra baixo sobre a terra para reducir o seu impacto visual coa intención de camuflarse coa contorna natural que os rodea.

 

Plan Xacobeo Next Generation

A Xunta puxo en marcha o Plan Xacobeo Next Generation, que conta cun investimento 39,2 M€ destinados a 12 bens de interese cultural (BIC), que contarán cunha axuda de 22,7 millóns de euros co obxectivo de rehabilitar e poñer en valor o patrimonio galego vinculado co Camiño de Santiago; 8,4 millons de euros para accións de cohesión en destino co obxectivo de reforzar Galicia como destino seguro e 8,1 millóns de euros para os plans de sustentabilidade turística en destino promovidos por entidades locais.

 

Os fondos europeos apostan por un modelo turístico sustentable e de calidade que coincide coa oferta galega de patrimonio, cultura, gastronomía e destinos non masificados ao aire libre e en contacto coa natureza. Este modelo coincide co espírito de Camiño de Santiago e que Galicia pretende difundir coincidindo co Ano Santo.

Ademais, cómpre lembrar que o Ano Santo será o motor da recuperación económica, xa o ano pasado Galicia estivo de moda e liderou a recuperación turística de España grazas ao reforzo da comunidade como destino seguro co apoio ao sector, medidas pioneiras como o bono turístico, o seguro coronavirus ou a promoción con campañas como Camiña a Galicia.

Imaxes relacionadas