Rueda avanza que Galicia liderará un proxecto transnacional para mellorar a conservación dos hábitats de Cíes, Ons e Sálvora e facelos resistentes ao cambio climático

Salienta que o Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Universidade de Santiago e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para establecer as bases da súa participación na iniciativa Life insular, cun orzamento de máis de 5,2 M€ para executar ao longo de 5 anualidades

Busca implementar unha estratexia de restauración integrada das dunas costeiras e dos queirogais secos presentes en 8 espazos insulares da Rede Natura 2000 co reto de reverter a situación da súa paisaxe natural á de fai 70 anos

Detalla que ademais dos tres arquipélagos pertencentes ao parque nacional galego, as outras illas do Océano Atlántico en que se actuará son La Graciosa, en Canarias, e Irlanda
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022 -.

Galicia lidera un proxecto de cooperación transnacional entre España e Irlanda que ten como obxectivo definir e implementar unha estratexia integrada para a xestión sustentable dos hábitats insulares pertencentes á Rede Natura 2000. En concreto, tres das cinco illas que formarán parte desta iniciativa son galegas: Cíes, Ons e Sálvora, todas elas integradas no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

 

A implicación da Comunidade no chamado Life insular foi ratificada hoxe polo Consello da Xunta, que autorizou a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) para establecer as bases da súa participación técnica e económica no proxecto.

 

“A Xunta quere facer melloras no hábitat de Cíes, Ons, e Sálvora para facelos máis resistentes ao cambio climático e para a restauración da súa paisaxe natural co obxectivo de que se recupere a situación de hai 70 anos” di, incidindo en que desta forma, se minimizará o impacto de posibles perturbacións externas sobre as zonas de actuación e, sobre todo, buscarase unha recuperación drástica da paisaxe natural.

 

Cun orzamento de máis de 5,2 millóns de euros para executar ao longo de 5 anualidades, a principal achega económica ao proxecto procede da Unión Europea, que cofinanciará as actuacións previstas con 3,95 millóns de euros a través do programa Life —dedicado de forma exclusiva ao ambiente e á acción polo clima—.

 

Do total, á Xunta corresponderalle un orzamento estimado en case 750.000 euros, dos cales 300.000 euros serán gastos de investimento; mentres que a USC asumirá o papel de coordinadora do proxecto, cun financiamento asignado de 1,08 millóns.

 

Entre os outros socios que se beneficiarán deste proxecto transnacional cómpre citar tamén o Organismo Autónomo de Parques Nacionais e pola parte irlandesa, ao Department of Housing, Local Government and Heritage e o Coillte CGA.

 

O proxecto ‘Life insular’

O proxecto Life insular porá o foco de atención sobre os hábitats de 5 illas, que son —ademais das tres galegas xa mencionadas— La Graciosa, en Canarias, e Irlanda. O Parque Nacional das Illas Atlánticas, polo tanto, volverá ser obxecto dunha iniciativa europea que ten como fin último protexer e preservar a súa rica biodiversidade. Neste sentido, cómpre lembrar que se trata do único espazo natural de Galicia que concentra 6 das principais figuras de protección medioambiental existentes a nivel internacional.

 

Para acadar os seus obxectivos e lograr un estado de conservación favorable dos espazos insulares seleccionados “o proxecto busca actuar sobre dous tipos concretos de hábitats, presentes nas tres illas galegas: as dunas costeiras con vexetación e os queirogais secos”, dixo, ao tempo que explicou que a Xunta asumirá en Galicia a parte de execución técnica do proxecto, mediante a eliminación e control de especies exóticas invasoras; a supresión de plantacións forestais; e con medidas de protección fronte a actividades humanas que incidan sobre estes hábitats, como poden ser o control do tránsito de visitantes ou a instalación de captadores pasivos de area.

 

Así mesmo, o proxecto tamén inclúe unha estratexia de sensibilización e difusión pública mediante xornadas específicas en datas sinaladas, como o Día da Rede Natura 2000 ou o Día Europeo Dos Parques Nacionais, así como accións de voluntariado, obradoiros escolares e colocación de paneis informativos, entre outras. Por último, tamén se prevé un plan de conservación que se poría en marcha cando finalice o Life insular, cunha vixencia prevista de 64 meses —ata o 31 de decembro do ano 2026—.

Imaxes relacionadas