Rueda destaca que o III Programa muller e ciencia 2022-2025 quintuplicará o orzamento do anterior ata os 45 M€ para diminuír a fenda e situar ás investigadoras á fronte dos equipos

Explica que o programa terá impacto directo na carreira de máis de 600 galegas e aspira a que outras 30 poidan acceder a postos directivos

Permitirá promover e impulsar as medidas da denominada Lei Ánxeles Alvariño aprobada en 2021 para aumentar a creación de cátedras e o número de mulleres docentes e investigadoras en Galicia

Subliña que a Xunta persegue que o sistema galego de ciencia incorpore de forma efectiva o principio de igualdade, priorice as necesidades das mulleres e respecte a diversidade

Incide en que documento foi resultado dun proceso participativo en que tomaron parte a Administración, asociacións de científicas e unidades tecnolóxicas das empresas
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe, durante a rolda de prensa de Consello, que o III Programa Muller e Ciencia 2022-2025 que promove a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará co maior orzamento da súa historia, 44,7 millóns de euros. Co obxectivo, dixo, de lograr un sistema galego da ciencia, tecnoloxía e innovación que incorpore de xeito efectivo o principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

A estimación, engadiu é que unhas 600 mulleres poidan incorporarse ao ámbito investigador e unhas 30 poidan optar a desenvolver postos de carácter directivo.  “Trátase de acadar un sistema galego de ciencia igualitario, fomentar o enorme talento feminino para ciencia e que se visibilice e animar máis mulleres mozas a que desenvolvan a súa vocación científica. En definitiva, lograr unha ciencia máis igualitaria e un país máis competitivo”, insistiu.

O documento contribuirá a promover e difundir en Galicia os contidos da denominada Lei Ánxeles Alvariño de 2021, que supuxo un salto cualitativo na consolidación dun marco que avoga pola creación de novas cátedras, o impulso do liderado feminino no eido da investigación, do talento feminino e das vocacións e da eliminación das barreiras que por razóns de conciliación ou coidado estaban a padecer as mulleres nestes sectores. Desde un enfoque integral, dixo, a Xunta acometerá actuacións ata o ano 25 coas que se pretende contribuír a incrementar en 5 puntos a porcentaxe actual de mulleres entre o persoal docente investigador, para pasar do 42 % a un mínimo do 47 %. Tamén se aspira a subir tres puntos a proporción de mulleres catedráticas, ata polo menos o 27 %. 

Nese sentido, subliñou que o programa priorizará as necesidades das mulleres co obxectivo de avanzar no respecto á diversidade e de reter o talento feminino como motor do desenvolvemento tecnolóxico, económico, social e sostible de Galicia.

Catro eixes de traballo

Para acadalo, abundou, a Xunta vén de deseñar un documento con 20 obxectivos específicos e 50 medidas para avanzar na incorporación das mulleres, en condicións de igualdade, ao ámbito científico e tecnolóxico. Todas elas artéllanse en torno a 4 eixes prioritarios.

O primeiro dos eixes (769.000 euros) busca dar visibilidade ás traballadoras nestes sectores, na idea de sensibilizar a sociedade, de impulsar o coñecemento de referentes femininas e de formar o persoal docente para animar as nenas na súa vocación.

O segundo eixo, que conta coa maior dotación ao acaparar 33,9 M€, pon o foco na igualdade no acceso e promoción das mulleres no ámbito da ciencia. Prevé actuacións de apoio ás vocacións no bacharelato e un sistema de monitoreo nas etapas iniciais da carreira investigadora coa axuda de asociacións de científicas e investigadoras. Tamén contribuirá ao impulso da Lei Ánxeles Alvariño e ao establecemento de criterios de discriminación positiva: na avaliación do desempeño do persoal investigador, dos proxectos, no liderado por parte de mulleres dos equipos e o reforzo das investigadoras principais, así como o impulso ao doutoramento feminino industrial.

O terceiro eixe (9,7 M€) diríxese ao traballo con institucións públicas e privadas, con medidas específicas como acordos para que conten con plans de igualdade, medidas antiacoso, promovan axudas específicas para o coidado de menores e dependentes ou mesmo se reforcen as iniciativas emprendedoras de mulleres en proxectos tecnolóxicos e científicos, en especial no medio rural.

O cuarto, e último eixe (187.000 euros), centrarase na vixilancia da situación das mulleres no eido da ciencia, mediante a avaliación periódica do grao de cumprimento do programa e dos seus indicadores.

Para o deseño do III Programa Muller e Ciencia, a Xunta abriu un proceso participativo, que contou coas contribucións chegadas dos diferentes departamentos do Goberno galego, de asociacións de mulleres científicas e de representación das empresas e centros de ámbito tecnolóxico.

Fomento do talento

A nova estratexia bebe dos éxitos da súa predecesora, o II Programa Muller e Ciencia 2016-2020, que permitiu levar a cabo 135 actividades que chegaron a máis de 14.000 persoas. Estas accións estiveron dirixidas principalmente ao eido escolar e universitario.

Ademais o II programa tivo impacto directo na carreira profesional de 520 mulleres que se incorporaron ao ámbito investigador e a doutras 20 que foron promovidas a desenvolver postos de carácter directivo.

O III Programa Muller e Ciencia enmárcase no VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades, que conta cun orzamento de 935,5 millóns de euros, un 138,8 % máis que o seu predecesor, sendo o maior da historia dun documento de planificación destas características.

Ademais, é coherente coa nova Lei galega de igualdade de mulleres e homes que o Goberno galego está a elaborar, co obxectivo de seguir avanzando na igualdade a partir da unión dos poderes públicos para atallar discriminacións e integrar a perspectiva de xénero en todos os ámbitos da sociedade.

Imaxes relacionadas