O Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra acolle unha mostra que repasa o papel das mulleres na historia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugura a mostra, onde loa a contribución dos arquivos para manter viva a memoria de Galicia

Enmárcase nas actividades institucionais celebradas hoxe para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos
 

Pontevedra, 9 de xuño de 2022.-

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe a exposición A muller no Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra onde loou a contribución que os arquivos históricos están a ter para manter viva a memoria de Galicia. Como dixo, un claro exemplo é a mostra aberta ao público hoxe na cidade no marco da programación institucional da Xunta con motivo do Día Internacional dos Arquivos.

 

A exposición inclúe unha trintena de documentos que están custodiados no arquivo relacionados co papel e a situación da muller. Comisariada por persoal técnico deste centro, Beatriz Prego e Fernando Amado, a finalidade é amosar ao público a través de documentos de distintas épocas, as posibilidades que ofrece o arquivo para poder coñecer a historia das mulleres desde diversas perspectivas.

 

Programación paralela

A programación incluirá mañá venres unha xornada de portas abertas e visita guiada e mostra de documentos da exposición. Tamén se celebrará a conferencia Nunca invisibles: as mulleres nos documentos da Idade Moderna ás 19,00 horas e a continuación, ás 20,00 horas unha velada musical a cargo de Clara Pino (voz e arpa celta) e Pablo Vidal (contrabaixo). Trátase de prazas limitadas ata completar aforamento.

 

Xunto a esta exposición, o resto de arquivos históricos xestionados pola Xunta están a realizar estes días tamén distintas iniciativas con xornadas de portas abertas e inauguración de novas exposicións para divulgar o labor dos arquivos entre o gran público.

Imaxes relacionadas