Lete destaca os 36 trofeos de Dance Academy no Campionato de Europa como mostra do “inmenso traballo que se está a facer polo baile deportivo”

A segunda edición da Liga Xunta de Galicia de Break xa realizou tres dos seus eventos en Lalín, Viveiro e Noia e o Goberno galego segue traballando co sector de cara á creación da Federación Galega de Baile Deportivo

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, visitou as instalacións da escola viguesa Dance Academy tras o seu éxito no recente Campionato de Europa de danza urbana no que colleitou un total de 36 trofeos. Alí, o mandatario galego felicitou a todo o equipo da escola de danza, tanto bailaríns como adestradores, e asegurou que o seu éxito é “unha mostra máis de todo o traballo que se está a facer en Galicia polo baile deportivo, disciplina que será olímpica en París 2024”.

 

Lete Lasa comprobou de primeira man o verdadeiro potencial que o break ten en Galicia e a grande cantidade de xente que move esta disciplina. A Xunta de Galicia continua apostando por este deporte na súa consolidación no territorio galego, coa intención de crear a Federación Galega de Baile Deportivo e o obxectivo de acadar representación galega nuns Xogos Olímpicos.

 

A escola olívica Dance Academy conta con arredor de 200 alumnos dun amplo rango de idade e posúe un importante prestixio a nivel internacional, non só por ser unha das máis numerosas de Galicia, senón porque no Campionato Mundial do ano 2019 celebrado na cidade de Blackpool (Inglaterra), xa obtiveron grandes resultados.

 

No que se refire á 2ª edición da Liga Xunta de Galicia de Break, lévanse celebrado xa 3 xornadas. A última delas transcorreu en Noia durante todo o día do 4 de xuño. O evento comezou cun taller formativo pola mañá e a competición tivo lugar pola tarde en modalidade de 1vs1 (individual). A próxima data da Liga é o 2 de xullo na vila de Porto do Son, onde se espera seguir coa boa afluencia de participantes de tódolos niveis a partir dos 6 anos.

Imaxes relacionadas