O conselleiro de Cultura, o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos e o director do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais presentan a nova iniciativa

Galicia acollerá unha incubadora que impulsará novas rutas culturais no Caribe e Ibeoramérica partindo do modelo de éxito do Camiño de Santiago

O Edificio Fontán acollerá o 28 e 29 de xuño este programa de fortalecemento formativo cunhas primeiras xornadas nas que participarán expertos de prestixio no ámbito do patrimonio para apoiar proxectos de emprendemento neste eido

É a primeira fase do proxecto RUTEALC, a iniciativa da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) e o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais co apoio da Xunta

“A nosa Comunidade acumula unha enorme experiencia en boas prácticas en materia patrimonial e na xestión de itinerarios culturais que demostra o enorme retorno e potencial transformador do noso patrimonio cultural“, indica Román Rodríguez
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez e o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), Mariano Jabonero, presentaron hoxe o proxecto RUTEALC, unha alianza cultural entre Galicia e América Latina e Caribe a través da que a Comunidade galega achegará a súa experiencia en itinerarios culturais como o Camiño de Santiago para facelo extensible a outros territorios.

“Galicia acumula unha enorme experiencia en boas prácticas en materia patrimonial así como na xestión e desenvolvemento de itinerarios culturais e esta nova alianza será unha oportunidade para demostralo”, expresou o titular de Cultura da Xunta. Ao abeiro deste proxecto porase en marcha unha incubadora de novas rutas culturais no Caribe e Iberoamérica aproveitando os vínculos históricos entre Galicia e estes territorios. Trátase dun programa de fortalecemento de capacidades mediante un programa formativo.

Lanzarase en Galicia os vindeiros 28 e 29 de xuño no Edificio Fontán da Cidade da Cultura cunhas xornadas profesionais de presentación abertas ao público da man de expertos de prestixio no ámbito do patrimonial. Serán complementadas con dous programas técnicos: un de acompañamento e outro de emprendemento das rutas culturais, con especial interese nas incipientes. 

A iniciativa permitirá “intensificar a cooperación nesta materia e achegando toda a nosa experiencia derivada, principalmente, dun exemplo de éxito a nivel global como é o Camiño de Santiago”, expresou Román Rodríguez, quen se referiu á Ruta Xacobea como “un dos mellores exemplos do enorme retorno e do potencial transformador que teñen os itinerarios culturais e a posta en valor do noso patrimonio”.

Socios de prestixio internacional

Para levalo a cabo, a Xunta de Galicia suma esforzos con dúas entidades referentes neste ámbito como o Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, entidade encargada desde fai máis de dúas décadas de asumir a coordinación do Programa de Itinerarios Culturais do Consello de Europa. Tamén participa a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI) referente no que se refire á promoción e divulgación do patrimonio así como na colaboración e cooperación interterritorial.

Esta iniciativa permitirá ampliar a colaboración ao ámbito iberoamericano, promovendo a extensión de rutas e itinerarios culturais certificadas polo Consejo de Europa ao tempo que achegará iniciativas, redes e proxectos embrionarios ou que se atopan en formación e que busquen reforzo para o desenvolvemento dos territorios desde América Latina.

Imaxes relacionadas