A Xunta, Delegación do Goberno e o Concello de Santiago coordinan o dispositivo de seguridade dos concertos de “O Son do Camiño”

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participaron na Xunta Local de Seguridade do Concello de Santiago para abordar o dispositivo de seguridade das actuacións da próxima semana no Monte do Gozo, ás que se prevé unha afluencia de 120.000 persoas en tres días

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022 O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, e o xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, participaron esta mañá na Xunta Local de Seguridade do Concello de Santiago de Compostela, onde se abordou a coordinación do dispositivo de seguridade que se vai poñer en marcha a próxima semana para a celebración de O Son do Camiño.

 

Nesta xuntanza púxose en valor a colaboración entre o Concello de Santiago, a Xunta e o Goberno central á hora de garantir que un dispositivo desta magnitude e de relevancia internacional se desenvolva con todas as medidas de seguridade necesarias tanto no propio evento como na incidencia que ten na cidade.

O dispositivo controlará o fluxo de persoas e vehículos que se vai producir, así como o importante dispositivo de medios técnicos e humanos que velarán pola seguridade do mesmo, desde forzas e corpos de seguridade, servizos e voluntarios de Protección Civil, medios da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) e persoal da seguridade privada.

No encontro abordouse a coordinación entre os corpos de seguridade que forman parte dos dispositivos habituais de eventos deste tipo. Así, preparouse o dispositivo que se despregará do 16 ao 18 de xuño con motivo da terceira edición dun evento que contará con máis de 40 artistas internacionais e unha gran representación de artistas galegos.

 

A previsión de asistencia supera as 120.000 persoas nos tres días ao recuperar o festival o seu gran formato con varios escenarios e convertirse nunha das citas ineludibles dos concertos deste Xacobeo, que xa son unha marca de identidade dos Anos Santos.

 

En coordinación cos corpos e forzas de seguridade, controlaranse os fluxos de entrada no Monte do Gozo, pero tamén o cumprimento das medidas de seguridade no interior. A Xunta habilitará un posto de mando no que se integrarán ademais dos representantes das forzas e corpos de seguridade, os servizos de emerxencias e persoal da propia organización e desde o cal se poderá visualizar a través de cámaras todo o interior do recinto e deste xeito anticiparse a riscos de aglomeracións e dar unha resposta rápida a emerxencias sanitarias ou doutra índole.

Imaxes relacionadas