A Xunta destinou desde 2020 máis de 1,5 M€ a axudas ás comunidades de usuarios de abastecemento para mellorar as instalacións e a calidade da auga

Teresa Gutiérrez explica que as axudas van dirixidas a optimizar as instalacións de captación e potabilización e a dispor dispositivos de medición do caudal

Detalla que na Demarcación de Galicia-Costa hai inscritas 1.432 comunidades de usuarios, figura regulada na Lei de Augas estatal e na Lei de Augas de Galicia
 

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2022

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, salientou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento que a Xunta destinou desde o 2020 máis de 1,5 M€ á concesión de axudas ás comunidades de usuarios de abastecemento.

 

Teresa Gutiérrez explicou que estas subvencións teñen como obxectivos a mellora da calidade da auga, do estado das instalacións de captación, da potabilización e almacenamento, e a adquisición de dispositivos de medición do caudal.

 

Destacou que en Galicia o 24% da poboación se autoabastece a través de comunidades de usuarios ou de pozos particulares, figuras reguladas na Lei de Augas estatal e no regulamentos do Dominio Público Hidráulico e na Lei de Augas de Galicia.

 

Detallou que na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa hai inscritas un total de 1.432 comunidades de usuarios, que as concesións deben axustarse ao Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa vixente e serán outorgadas por un prazo máximo de 20 anos.

 

Sinalou que estas concesións están suxeitas a diversos requisitos, entre eles, a instalación dun contador para controlar os caudais ou volumes establecidos e a realización de análises de acordo coa normativa técnico-sanitaria vixente.

 

Formación

A directora de Augas de Galicia subliñou que a Xunta está a traballar nos Plans municipais de abastecemento autónomo, un proxecto piloto que está a ser levado a cabo en 6 concellos galegos: Mondariz, Oia, Cerdedo-Cotobade, Oímbra, Baleira e San Xoán de Río.

 

Este proxecto, cun orzamento autonómico de 900.000 €, ten como obxectivos mellorar o coñecemento sobre os sistemas de abastecemento autónomo e promover as actuacións necesarias para asegurar o nivel de garantía do servizo que prestan.

 

Trátase de achegar aos usuarios deste tipo de sistemas de abastecemento as claves para unha autoxestión sostible, segura e resiliente, que poida ser exportado a outro tipo de sistemas de autoabastecemento de Galicia.

 

Ademais o Goberno galego ten elaborado unha guía baixo a denominación “Principais procedementos en materia de augas de aplicación nas zonas rurais da comunidade autónoma de Galicia”. Este documento explica a presentación de diferentes trámites relacionados co abastecemento, o saneamento e a depuración de augas.

 

Teresa Gutiérrez avanzou que esta guía está sendo preparada para a súa difusión aos concellos e ás comunidades veciñais co fin de contribuír a mellorar o seu coñecemento na citada materia.

Imaxes relacionadas