Expertos chilenos e galegos colaboran na mellora xenética do piñeiro radiata en Galicia ao abeiro do convenio entre a Xunta e a Fundación Arume

Dous especialistas chilenos atópanse en Galicia nunha estadía dun mes, co obxecto de colaborar na elaboración da estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata da nosa comunidade

Como parte desta estadía, ambos impartiron hoxe unha conferencia no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, á que asistiron os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria e da Axencia Galega da Industria Forestal
 

Pontevedra, 9 de xuño de 2022

Os directores da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal, asistiron hoxe en Pontevedra á conferencia “Sector forestal e mellora xenética do piñeiro radiata en Chile”, no marco da xornada sobre Mellora xenética do piñeiro en Galicia que acolle o Centro Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, dependente da Consellería do Medio Rural.

Ao abeiro do convenio de colaboración asinado entre a Fundación Arume e a Xunta de Galicia para a mellora xenética do piñeiro en Galicia, os expertos forestais chilenos Fernando Dopellmann e Miguel Ángel Peredo atópanse en Galicia nunha estadía dun mes, co obxecto de colaborar na elaboración da estratexia de mellora xenética do piñeiro radiata da nosa comunidade.

Acordo coa Fundación Arume

A Xunta asinou o acordo coa Fundación Arume o pasado mes de setembro. O documento, que estende a súa vixencia ata este ano 2022, pretende impulsar o sector forestal galego dun xeito sustentable mediante o reforzo do persoal de investigación, da posta en marcha de programas e accións de colaboración e da oferta de cursos, seminarios ou obradoiros divulgativos e comporta un orzamento total de 200.000 euros, dos cales 140.000 son aportados pola Xunta. O centro de Lourizán é un activo clave na relación entre ambas entidades, xa que será o principal punto de encontro para estas actividades.

O acto concluíu cunha visita guiada ao CIF de Lourizán, especialmente centrada nas instalacións de investigación para a mellora xenética do centro, así coma cun percorrido polo arboreto e os xardíns forestais do Pazo de Lourizán, no cal se atopa o centro de investigación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural