Política Social e Xuventude sortea as prazas ofertadas este ano nos campamentos de verán para mozos de entre 9 e 17 anos

Os adxudicatarios dunha praza deberán presentar, nos próximos cinco días hábiles, desde o día seguinte ao da realización do sorteo e preferiblemente por vía electrónica, unha serie de documentación complementaria para formalizar a praza

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022 Esta mañá a Consellería de Política Social e Xuventude realizou o sorteo das prazas en campamentos de verán para mozas a mozos de entre 9 e 17 anos. O programa de actividades da campaña deste ano, que ten como lema O verán que queres contar, comezará no vindeiro mes de xullo e será a maior oferta da historia de Galicia cun total de 10.800 prazas.

 

A meirande parte das prazas quedaron cubertas, tan só quedaron 58 vacantes, que sairán a un proceso de acceso libre nas vindeiras semanas. Neste senso, o 75% das persoas que presentaron solicitude ten praza adxudicada ou está en lista de agarda. Con respecto ás prazas reservadas a nenos con discapacidade, todos os solicitantes obtiveron unha praza ou están en lista de agarda.

 

Ademais, a Xunta de Galicia sorteou 100 prazas de balde, deste xeito, as familias afortunadas non terán que pagar nada no campamento adxudicado.

 

Cómpre lembrar que as persoas que resultaron adxudicatarias dunha praza deberán presentar, no prazo de cinco días hábiles desde o día seguinte ao da realización do sorteo, e preferiblemente por vía electrónica, unha serie de documentación complementaria para formalizar a praza. O listado de admitidos e de agarda, así como toda a información complementaria a presentar, estará dispoñible na web http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran