Lete Lasa destaca a importancia da recuperación do Rallye de Pontevedra para toda Galicia

A competición dará comezo o 24 de xuño, estenderase ata o domingo 25 e discorrerá polos concellos de Sanxenxo, Cercedo-Cotobade, Moraña, Meaño e Campo Lameiro

Sanxenxo (Pontevedra), 8 de xuño de 2022

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación da IV edición do Rallye de Pontevedra, que se celebrou no Real Club Náutico de Sanxenxo e que terá lugar durante as xornadas do 24, 25 e 26 de Xuño.

O mandatario galego valorou as medidas levadas a cabo en Galicia durante a pandemia para que a actividade deportiva non se vise freada por completo dicindo que “os protocolos, as máscaras, os test e un escrupuloso cumprimento das restricións salvagardaron ao deporte galego”. Tamén asegurou que “no caso do Rallye de Pontevedra, a pandemia serviu mesmo como aliciente para rescatar do esquecemento a un rallye que levaba máis de 35 anos sen levarse a cabo”.

Lete Lasa destacou a importancia que Galicia ten no automobilismo español, contando actualmente con numerosas probas no calendario da Real Federación Española de Automobilismo, sendo un referente tanto a nivel nacional como internacional. Neste sentido fixo fincapé no respaldo absoluto que a Xunta de Galicia sempre amosou cara este deporte e amosou o seu convencemento de que o Rallye de Pontevedra poida dar o salto ao calendario nacional nos vindeiros anos.

A competición automobilística dará comezo o venres 24 dende a rúa Rafael Picó de Portonovo. O percorrido do rally pasará polos concellos de Sanxenxo, Cercedo-Cotobade, Moraña, Meaño e Campo Lameiro.

Imaxes relacionadas