A conselleira do Mar mantivo un encontro con representantes das confrarías de Ferrol e Barallobre e de distintas organizacións sindicais para analizar a situación da ría

A Xunta constata melloras nalgunhas especies marisqueiras da ría de ferrol e agarda que se consolide a suba de ingresos rexistrada polo sector

As mostraxes realizadas este ano pola Consellería do Mar revelan avances no volume de exemplares de talle comercial en especies como a ameixa xaponesa, o berberecho ou a ameixa babosa

A titular de Mar subliña que o Executivo galego vai seguir estudando a zona e realizando os traballos que sexan necesarios para tratar de recuperar os niveis de produción de anos pasados

As cifras de facturación pola venda de moluscos bivalvos na ría de Ferrol acadaron en 2021 os 2,8 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos catro anos e unha contía superior á media rexistrada desde o ano 2009

O Goberno autonómico realizou desde 2019 distintas actuacións para a mellora dos bancos como a remoción de substrato, o aporte de áridos, o control de talles ou a retirada de estrelas de mar, o principal depredador da ameixa babosa
 

Ferrol, 8 de xuño de 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes das confrarías de Ferrol e Barallobre e de distintas organizacións sindicais para analizar a situación da ría de Ferrol. Nela, a representante da Xunta explicou que as últimas mostraxes realizadas na zona revelan unha melloría nalgunhas das especies de moluscos bivalvos presentes nos bancos e asegurou que a Xunta vai seguir facendo os traballos que sexan necesarios para elevar a produción e consolidar os aumentos de ingresos rexistrados polo sector nos últimos anos.

A titular de Mar, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, detallou que o stock comercial de ameixa xaponesa na zona norte do banco das Pías é superior ao dos últimos anos, o que permitirá manter ou incrementar as capturas. En canto ao berberecho, a biomasa de talle comercial tamén é a maior dos últimos cinco anos, polo que se prevé un incremento das capturas.

Mentres, no caso da ameixa fina o stock de exemplares adultos é lixeiramente inferior ao de 2021, polo que se esperan resultados de extracción semellantes aos do ano pasado, e no da ameixa babosa -a especie tradicionalmente máis importante da ría- a biomasa de talle comercial é algo superior á do pasado exercicio tras dous anos consecutivos de bo recrutamento.

A representante da Xunta salientou que aínda queda moito traballo por facer para recuperar os niveis de produción da ría de anos pasados, pero incidiu en que se están a centrar todos os esforzos nese obxectivo e que xa hai algúns resultados. Nesa liña, lembrou que as cifras de facturación pola venda de moluscos bivalvos na ría de Ferrol acadaron en 2021 os 2,8 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos catro anos e por enriba da media de 2,6 millóns de euros rexistrada desde 2009. A produción, con máis de 300 toneladas de produto, está algo por debaixo da media dos últimos 13 anos, o que demostra a importancia de apostar pola mellora da comercialización.

Traballos na zona

A titular de Mar lembrou que a Administración galega está a desenvolver desde 2019 distintas medidas para a mellora dos bancos marisqueiros da ría de Ferrol e que fai un seguimento constante das poboacións, o que determinará a posibilidade de realizar novas actuacións en caso de que sexa necesario.

O plan executado desde 2019 foi artellado en base a criterios técnicos sobre as necesidades mostradas pola ría de Ferrol en termos produtivos e contou cun orzamento de arredor de 800.000 euros. As accións desenvolvidas incluíron o seguimento das poboacións de moluscos bivalvos de interese comercial, o control dos talles, a remoción de substrato nunha superficie de máis de 85.000 metros cadrados para aumentar a biodiversidade da zona ou a adición de 40.000 metros cúbicos de áridos en máis de 25.000 metros cadrados ao este do banco das Pías, unha medida proposta polas propias confrarías de Ferrol e Barallobre.

A estas tarefas engadiuse a retirada de estrelas de mar -especie depredadora dos moluscos e unha das principais causas de mortalidade do recurso nos últimos anos- cunha presenza especialmente elevada no pasado inverno e que afectou principalmente á biomasa da ameixa babosa.

Por iso, a conselleira defendeu a necesidade de recorrer a todas as vías para mellorar o estado dos bancos marisqueiros e lembrou que a Xunta está a traballar coa Estación Biolóxica da Graña no estudo das causas que reducen a produción da ría. Nesta liña, lamentou a falta de apoio da Administración central neste eido pois en setembro de 2018 a Delegación do Goberno en Galicia comprometeuse coas confrarías a encargar un estudo técnico e biolóxico da ría ao Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (Cedex), pero semella que esa análise aínda non se iniciou.

Imaxes relacionadas