A Xunta busca facer da minaría un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, mantivo un encontro esta mañá, en Santiago de Compostela, co Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro para seguir avanzando no deseño da Axenda de Impulso da Minaría Sostible de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, reuniuse esta mañá co Comité Executivo de Desenvolvemento Mineiro para avanzar na Axenda de impulso da minaría sostible de Galicia. Unha folla de ruta que se está a elaborar a través dun proceso participativo.

 

Tal e como explicou a directora xeral, con este documento a Xunta busca facer da minaría un aliado estratéxico para a modernización das principais cadeas de valor industrial, asegurando que o proceso de transición ecolóxica e dixital se abastece de maneira sostible coas materias primas autóctonas. Deste xeito, fortalecerase a competitividade do sector nun momento no que o novo modelo industrial require de materias primas, como as minerais -que xogarán un papel clave- así como de procesos de produción eficiente.

 

A Axenda de impulso da minaría sostible de Galicia traballa en medidas e accións ao redor de tres obxectivos estratéxicos: a modernización e crecemento do sector de xeito sustentable; o fortalecemento do talento humano e a responsabilidade social; así como a busca da integración ambiental, o impulso da economía circular e a posta en valor do patrimonio.

Imaxes relacionadas