A Xunta apoia ao xeodestino ría de Vigo e Baixo Miño como destino turístico de primeiro nivel e eixo central do Camiño Portugués

O delegado territorial en Pontevedra, Luis López, clausurou esta mañá no Wow Porto a presentación do proxecto ‘Mulleres do Camiño Portugués”, impulsado polo entidade turística para promocionar os 14 concellos desta área do sur da provincia no país veciño.

O representante autonómico destaca a “importancia e peso” das rutas do Camiño Portugués, xá que supoñen preto do 29% dos camiñantes a Galicia.

Vila Nova de Gaia (Portugal), 8 de xuño de 2022 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, amosou esta mañá o “absoluto apoio e total colaboración” do Goberno galego co Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño como destino turístico de primeiro nivel e eixo central do Camiño Portugués.

O representante autonómico clausurou o acto de presentación do proxecto Mulleres do Camiño Portugués no Wow Porto-The Cultural District, no municipio de Vila Nova de Gaia, e que foi impulsado polo citado Xeodestino para seguir dando a coñecer os seus 14 concellos do sur da provincia de Pontevedra no país veciño. Neste evento tamén estivo acompañado polo presidente de Turismo de Porto e Norte de Portugal, Luis Pedro Martíns; o alcalde de Nigrán e presidente do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, Juan González; e a alcaldesa de Tomiño e presidenta da AD Galicia Suroeste Rural, Sandra González; entre outras autoridades.

Luis López salientou a “enorme importancia” do Camiño de Santiago como elemento identitario, cultural, patrimonial e relixioso de Galicia e como chave vertebradora na conformación de Europa, ao tempo que destacou os seus valores, como o compañeirismo, a solidariedade, o esforzo ou a superación. Por elo, cualificou de “moi acertada” a proposta do Xeodestino de orientar a súa promoción en Portugal a través do Camiño “e do papel fundamental e protagonista que sempre tiveron as mulleres en Galicia”.

Paralelamente, o delegado territorial puxo en valor a “importancia e peso” das rutas do Camiño Portugués, xá que supoñen preto do 29% dos camiñantes a Galicia.

“Máis alá do Camiño e da súa importancia central como produto turístico de recoñecemento mundial, Portugal é o principal territorio de procedencia do turismo internacional que vén a Galicia, xa que adoitan superarse os 230.000 portugueses nun ano a pleno rendemento e sen restricións como o que agardamos neste 2022 tras dous anos difíciles pola pandemia, polo que dende a Xunta consideramos moi atinada esta proposta do Xeodestino de apostar polo país veciño e irmán e para elo conta coa total colaboración do Goberno galego”, detallou o representante autonómico.

Finalmente, Luis López pechou a súa intervención facendo un rápido percorrido polos 14 concellos do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño sinalando as que son, xunto a unha gastronomía de máximo recoñecemento mundial, as súas principais iconas turísticas, entre as que figuran o espírito da Arribada que rezuma no casco histórico de Baiona, os pazos de Gondomar, as praias América e Panxón en Nigrán, o Monte de Santa Tegra na Guarda, o Mosteiro de Oia, os Muíños de Folón e Picón no Rosal, a Catedral de Tui, as sendas do Miño en Tomiño, o Pazo dos Marqueses en Mos, as Gándaras de Budiño no Porriño, a beleza da Serra do Suído e dos seus ríos en Fornelos de Montes, os xacementos arqueolóxicos milenarios de Pazos de Borbén, a Illa de San Simón en Redondela ou o Castelo de Soutomaior.

Imaxes relacionadas