A Xunta mantén aberta a convocatoria de axudas Iniciativa Xove’ para impulsar proxectos protagonizados pola mocidade

As entidades xuvenís e grupos informais teñen aberto o prazo para enviar solicitudes ata o vindeiro 13 de xuño

Trátase da décimo terceira edición dun programa no que o Goberno galego leva investido 6,3 millóns de euros e que beneficiou xa a preto de 8000 mozas e mozos
 

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 8 de xuño de 2022

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, lembrou esta mañá que ata o 13 de xuño está aberta a convocatoria do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. Fíxoo durante a súa visita ao Albergue Xuvenil As Sinas, onde coñeceu o proxecto da asociación Arousa Moza subvencionado na convocatoria do pasado ano, Arousa Inspira.

 

O programa, que conta este ano cun orzamento de 400.000 euros, financiará proxectos promovidos e protagonizados pola mocidade cun impacto nos ámbitos social, cultural e da xuventude, entre outros. A proposta deberá estar realizada por unha entidade inscrita no censo de entidades xuvenís ou por un grupo informal de entre cinco e oito membros, todos eles empadroados en Galicia e de entre 18 e 30 anos de idade. Cada unha recibirá un máximo de 5000 euros.

 

Durante a súa visita ás Sinas, Fabiola García coñeceu o proxecto Arousa Inspira a través dun vídeo realizado polos membros da entidade. Esta iniciativa, que foi desenvolvida en agosto de 2021, combinou artes tradicionais con outras máis vangardistas, como o rap, coa tradición da comarca de Arousa como principal nexo de unión. Celebrou concertos, obradoiros e outras actividades destinadas ás veciñas e veciños da localidade.

 

A conselleira de Política Social e Xuventude explicou que esta será a décimo terceira edición de Iniciativa Xove. Desde a súa posta en marcha, no 2010, destináronse máis de 6,3 millóns de euros para axudar a preto de 8000 mozas e mozos a desenvolver as súas ideas. Nos 12 anos de historia do programa leváronse a cabo máis de 1500 proxectos.

 

‘Work Your Passion’

A maiores, Fabiola García asistiu a unha actividade que a organización Arousa Moza está a realizar no Albergue Xuvenil As Sinas. Baixo o nome Work Your Passion, unhas 40 mozas e mozos de España, Portugal, Italia, Romanía, Ucraína, Grecia e Polonia rematan hoxe unha estancia no albergue, na que se traballou sobre os valores europeos destacando a importancia da participación nas comunidades locais.

 

Ademais das actividades propiamente lectivas, os participantes no programa tiveron tempo para descubrir a ría de Arousa, degustar o produto local ou compartir a súa cultura nas veladas interculturais.

 

Imaxes relacionadas