A Xunta analiza a aplicación da intelixencia artificial na Administración pública

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurará mañá xoves o curso monográfico A intelixencia artificial na Administración, que será clausurado o venres polo ex-presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría

A implantación dos sistemas de IA no ámbito público e o respecto aos dereitos fundamentais dos cidadáns ou a seguridade na aplicación das novas tecnoloxías serán algúns dos asuntos que se abordarán

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022 A Xunta analizará a aplicación da Intelixencia artificial na Administración pública nunha xornada monográfica que  reunirá durante dous días na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) a destacados xuristas, investigadores e empregados públicos. A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos inaugurará o xoves 9 o curso monográfico, que será clausurado o venres 10 polo ex-presidente do Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría.

 

A intelixencia artificial na Administración afondará nas vantaxes da aplicación da intelixencia artificial nas Administracións públicas, para lograr unha maior eficiencia, eficacia e axilidade na súa xestión. A implantación dos sistemas de IA no ámbito público, facéndoos compatibles co respecto aos dereitos fundamentais dos cidadáns ou a seguridade na aplicación das novas tecnoloxías serán outros asuntos que se abordarán.

 

Estudiarase tamén a proposta da Comisión Europea de Regulamento da IA, que prevé o establecemento dunha normativa sólida e flexible na UE, que permita facer compatible a rápida evolución da tecnoloxía coa xestión de riscos, sen prexudicar a innovación ou incrementar os custes da introdución de solucións de intelixencia artificial no mercado.

 

Programa do xoves 9

Tras o acto inaugural, que se celebrará ás 12.00 h., intervirá o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, Eduardo Gamero Casado, que falará sobre o marco xurídico da intelixencia artificial como soporte á toma de decisións do sector público. A continuación, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Oviedo, Alejandro Huergo Lora falará sobre o control e a impugnación das decisións administrativas baseadas na intelixencia artificial.

 

Xa pola tarde, o profesor de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo, Pablo Fernández Carballo-Calero, abordará a relación entre a intelixencia artificial e o dereito á propiedade intelectual, e a interventora do Concello de Chiclana (Cádiz), Eva María Mota Sánchez, expoñerá as claves da intelixencia artificial e o control da Administración local: auditoría algorítmica.