A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova reunión da Oficina Técnica da Seca, na que participan Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural

A Xunta confirma o mantemento da prealerta por seca na conca da demarcación Galicia-Costa e incide no consumo responsable e no aforro da auga

A Oficina Técnica da Seca observa que os recursos hídricos se manteñen inferiores aos habituais, situándose no mes de maio o caudal medio circulante dos ríos nun 46% por debaixo dos valores medios nesta época do ano

O nivel dos encoros de abastecemento permanece estable, acadando as reservas de auga para abastecemento o 93,73% da capacidade, un dato sensiblemente inferior ao do ano pasado
 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022 A Oficina Técnica da Seca da Xunta confirmou esta mañá o mantemento do estado de prealerta en toda a demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, dando continuidade ao seguimento exhaustivo da evolución da situación actual e incidindo na importancia dun consumo responsable e de aforro da auga.

 

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que participan, xunto aos técnicos de Augas de Galicia, representantes de Protección Civil, Meteogalicia e a Consellería do Medio Rural.

 

Os integrantes da Oficina da Seca reunidos hoxe analizaron o detalle da situación hidrolóxica e meteorolóxica das distintas concas da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, que obrigan a manter a situación de prealerta sobre a base do seguimento dos recursos hídricos existentes, que se manteñen inferiores aos habituais nesta época do ano.

 

Examinados os índices de estado dos sistemas da demarcación hidrográfica de competencia da Xunta, obsérvase que, de xeito xeral, ocaudal medio circulante dos ríos correspondente ao mes de maio situouse nun 46% por debaixo dos valores habituais que se rexistran nesta época do ano.

 

Máis en concreto, desde finais de xaneiro, os caudais rexistrados nas estacións de medición de aforos da Xunta nos ríos da demarcación hidrográfica seguen descendendo, situándose o caudal medio circulante, a medida que avanza o mes de maio, no 66,75 m3/s, polo que continúan diminuíndo os valores con respecto á media histórica para esta época do ano.

 

Neste novo encontro seguiuse a evolución dos encoros de abastecemento, concluíndo que todos eles están estables, acadando as reservas de auga embalsada para abastecemento o 93,73% da capacidade, sensiblemente inferior ao do ano pasado, que se situaba no 98,37%. A ocupación dos encoros é do 90% nas Forcadas, do 99% en Eiras, do 92% en Cecebre e do 87% en Zamáns.

 

A Oficina Técnica da Seca avaliou tamén os datos meteorolóxicos da serie rexional rexistrados no mes de maio, concluído que foi un mes moi seco e caloroso, cunha porcentaxe de precipitación dun 61% por debaixo do valor climático normal e unha temperatura media superior a media histórica para ese mes. A chuvia media no mes de maio no conxunto de Galicia foi de 42 mm.

 

A tendencia meteorolóxica indica un mes de xuño no que, tras unha primeira semana  bastante húmida, se prevé o restablecementos das condicións anticiclónicas, desaparecendo as choivas de cara á segunda metade da semana. De cara ao final de mes non existe un prognóstico claro, onde debido á estación e á época do ano, as chuvias son máis locais e difíciles de prognosticar polos modelos de medio prazo.

 

Á vista do conxunto dos indicadores actuais, a Oficina Técnica da Seca resolve afrontar o verán en situación de prealerta por seca aplicando os indicadores do Plan de seca de Galicia Costa aprobado en 2013.

 

A semana pasada o Consello da Xunta aprobou un novo Plan de seca para a Demarcación Galicia-Costa. Este novo instrumento analiza por separado indicadores de seca, que dan unha estimación da situación hidrolóxica das bacías da Demarcación, e a escaseza, que avalía os recursos dispoñibles en cada zona e os relaciona coa demanda prevista para esas zonas nos próximos meses. Aplicando esta nova metodoloxía a situación da demarcación é equivalente a unha situación de “seca prolongada” en toda a demarcación e de normalidade en relación á escaseza. O que significa que, pese á situación de seca que está a sufrir o noso medio fluvial, as demandas de abastecemento están garantidas a curto prazo.

 

Porén, aínda que o abastecemento á poboación non presenta actualmente problemas de escaseza, cómpre lembrar que o déficit de caudais circulantes nos ríos da demarcación, que se vén rexistrando durante todo o presente ano hidrolóxico (desde setembro de 2021), está a producir unha situación de estrés hídrico nos ecosistemas naturais dos nosos ríos e, polo tanto, o consumo responsable da poboación e dos xestores dos servizos municipais de abastecemento, non só e importante para preservar as reservas que se necesitarán ata a chegada da nova temporada de choivas, senón que tamén é esencial para preservar e evitar un maior deterioro do ciclo hidrolóxico natural.

 

A Xunta continuará co incremento da frecuencia de seguimento dos indicadores a nivel quincenal e a análise e recompilación de información complementaria do estado das bacías hidrolóxicas da demarcación de competencia da Xunta.

 

Ademais, a Oficina Técnica da Seca fai un chamamento especial a que os concellos, responsables de garantir o correcto funcionamento dos seus servizos de abastecemento, elaboren (no caso de non dispor xa deste) e apliquen os seus plans de emerxencia fronte a seca e que apliquen todas as medidas de control e redución de consumos non esenciais, acordes coa situación particular na que se encontren.

 
Anticipación e uso responsable da auga

A activación do estado de prealerta é unha medida preventiva da Xunta que busca a anticipación ante un posible episodio futuro de escaseza de auga, así como a toma de conciencia dos concellos e cidadanía en xeral sobre a necesidade de facer un consumo responsable.

 

Os integrantes da Oficina Técnica da Seca inciden no papel tanto dos municipios como dos cidadáns a nivel particular na activación de medidas como a restrición de regas, evitar o lavado innecesario dos coches, limitar o enchido das piscinas ou reutilizar esa auga para outros usos para evitar problemas maiores na época de verán, cando menos chove e máis demanda hai de auga.

 

Cómpre lembrar que Galicia é pioneira en normas para mellorar a xestión da auga, coa Lei de medidas de garantía de abastecemento en episodios de seca, activa desde 2020, ou a recente aprobación do Plan de seca 2021-2027, con respostas ante eses eventos para garantir o abastecemento e instrumentos xurídicos para afrontalos.

 

Este plan establece unha xestión diferenciada para as situacións de seca prolongada, como a actual, derivadas da diminución das chuvias; e a de escaseza conxuntural, relacionada coas dificultades para atender a demanda de auga e na que tamén se establecen distintos escenarios: de normalidade, de prealerta, de alerta e de emerxencia.

Imaxes relacionadas