O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, mantivo un encontro de traballo esta mañá con representantes da entidade

A Xunta reúnese con EAPN-Galicia para abordar diversas cuestións no ámbito da inclusión social

A xuntanza serviu para tratar, entre outros asuntos, a modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia e os proxectos que se están a desenvolver cos fondos europeos do Plan de Recuperación no ámbito da inclusión social

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, reuniuse esta mañá coa presidenta da Rede galega contra a pobreza EAPN-Galicia, Eloína Injerto, para tratar diferentes cuestións en materia de inclusión social, dentro do marco de coordinación e participación que se mantén coa entidade.

Entre os temas a tratar falouse da modificación da Lei de Inclusión Social de Galicia na que se está a traballar desde o Goberno galego para adaptala ao contexto actual e axilizar e simplificar os procesos de tramitación das axudas que regula.

Outro dos asuntos abordados durante o encontro foi o estado dos proxectos que se están a desenvolver cos fondos europeos do Plan de Recuperación no ámbito da inclusión social e que están relacionados coa inclusión residencial, a modernización tecnolóxica dos servizos sociais e a loita contra a pobreza infantil. Así mesmo, na xuntanza tratouse das distintas convocatorias de axudas que este departamento pon á disposición das entidades de iniciativa social para desenvolver proxectos de atención ás persoas en situación ou risco de exclusión social.

Estratexia de Inclusión Social de Galicia

Noutro orde de cousas, informouse sobre os novos instrumentos de planificación que orientarán as medidas a desenvolver nos vindeiros anos, e máis en concreto sobre o estado de avaliación e actualización da Estratexia de Inclusión Social de Galicia, horizonte 2030, que incluirá novamente unha estratexia específica dirixida á poboación xitana de Galicia; así como das medidas do ámbito de inclusión que se incluirán no vindeiro Programa operativo FSE+ 2021-2027.

Imaxes relacionadas