A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou na Estrada as obras de humanización das rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez, executadas con cargo ao plan Hurbe

A Xunta destina 10 M€ a un novo fondo de cooperación para fomentar a adquisición e construción de vivendas por parte dos concellos

Ángeles Vázquez sinala que este fondo se suma ao posto en marcha en 2016 destinado a actuacións de rehabilitación en concellos de menos de 50.000 habitantes, que no pasado mes de marzo duplicou a súa dotación orzamentaria inicial ata chegar aos 20 M€

A Estrada (Pontevedra), 8 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia destinará 10 millóns de euros a un novo Fondo de cooperación cos concellos para fomentar a adquisición e promoción de vivenda de nova construción, segundo anunciou hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se regula a xestión deste novo fondo, que concederá préstamos sen xuros aos concellos para ampliar o seu parque de vivendas e que terán que ser devoltos nun prazo máximo de oito anos. Nesa liña, as contías devoltas polos concellos serán reintegradas ao fondo para a concesión de novos préstamos. Ningún concello poderá solicitar préstamos por un valor que supere o 25% da dotación do fondo.

 

Logo de explicar que as vivendas adquiridas ou construídas ao abeiro desta iniciativa deberán destinarse a alugueiro social, Ángeles Vázquez sinalou que este novo fondo vén sumarse ao creado en 2016 destinado a actuacións de rehabilitación en concellos de menos de 50.000 habitantes, que no pasado mes de marzo duplicou a súa dotación orzamentaria inicial ata chegar aos 20 millóns de euros. Desde a súa primeira convocatoria, en 2017, ata 2021 concedéronse préstamos por máis de 11,35 millóns de euros.

 

A conselleira agradeceulle ao alcalde da Estrada, José López, o interese amosado por esta nova iniciativa do Goberno galego, que será compatible coas axudas do Programa de construción de vivendas de alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes, financiadas con fondos europeos, a través das cales os concellos poderán acceder a subvencións a fondos perdido de 700 euros por metro cadrado de vivenda construída, cun máximo de 50.000 euros por inmoble.

 
Plan Hurbe

Ángeles Vázquez fixo este anuncio durante a súa visita ás obras de humanización das rúas Calvo Sotelo e Justo Martínez, no concello da Estrada. Esta actuación, que contou cun investimento de máis de 200.000 euros, levouse a cabo no marco do plan Hurbe, unha iniciativa de posta en valor das vilas e núcleos rurais para propiciar o seu desenvolvemento sostible, así como para mellorar o benestar e a calidade de vida dos seus habitantes, e que xa conta con máis de 300 actuacións executadas en toda a Comunidade.

 

Nesta ocasión, acometeuse a peonalización da rúa Calvo Sotelo coa retirada de bolardos e a ampliación dunha das beirarrúas de Justo Martínez.

Imaxes relacionadas