A Xunta destaca o papel do Cesena, como primeiro centro tecnolóxico de Galicia especializado no sector naval, na reactivación económica de Ferrolterra

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá en Ferrol na xornada `Tendencias e solucións dixitais para o sector naval’

Destaca que o Perte do naval ten un “aquí e agora” porque se hai unha localización estratéxica para esta industria en España é nesta comarca

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, asistiu esta mañá en Ferrol á xornada Tendencias e solucións dixitais para o sector naval, na que destacou o papel do Cesena -como primeiro centro tecnolóxico de Galicia especializado no naval- na reactivación económica da comarca.

 

A xornada permitiu reflexionar sobre os retos de futuro desta industria estratéxica non só para Galicia, senón tamén para o resto de España. Neste sentido, destacou que o Perte do naval ten un “aquí e agora”, xa que se hai unha localización idónea para este sector é a comarca de Ferrolterra, que ten no Cesena -situado no CIS Tecnoloxía e Deseño, dependente da Xunta de Galicia- o seu corazón tecnolóxico co respaldo de Siemens.

 

Conde lembrou que a Xunta está comprometida con esta industria, como se demostra coa Estratexia do Naval, que se está perfilando co sector. Nela recóllense varios eixes como o apoio financeiro, o estímulo da demanda a través da diversificación como é o caso da eólica mariña, ou a xeración dun entorno favorable para o desenvolvemento de novos proxectos. Para conseguir estes retos, Conde explicou que é fundamental apoiar a cooperación entre estaleiros e aproveitar o ecosistema científico e tecnolóxico para avanzar na dixitalización e na innovación.

 

Conde enumerou algúns dos últimos fitos do naval na comarca como o inicio da construción da F-110, os avances no estaleiro 4.0 e na eólica offshore -como o proxecto presentado por Nervión Naval Offshore a semana pasada, o acordo entre Iberdrola, Windar e Navantia para que Fene siga sendo provedor, ou a filial que Navantia prevé abrir no Reino Unido-. Tamén demandou infraestruturas necesarias como o dique cuberto.

Imaxes relacionadas