O delegado da Xunta visitou hoxe a escola infantil de Os Pequerrechos en A Zapateira

Trenor destaca que a gratuidade da educación infantil permitirá un aforro anual de entre 1.500 e 2.000 euros de media por neno e beneficiará arredor de 2.500 familias coruñesas

Lembra que Galicia será a primeira comunidade de España na que a educación infantil será 100% gratuíta, xa sexa en centros públicos, en privados ou de iniciativa social

Precisa que esta iniciativa suporá un investimento anual de 50 millóns de euros anuais e beneficiará a máis de 30.000 pequenos de toda Galicia

A Coruña, 8 de xuño de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, destacou hoxe que a gratuidade da educación infantil contribuirá á economía dos fogares, cun aforro medio anual de entre 1.500 e 2.000 euros de media por neno e subliñou que na cidade da Coruña con esta medida beneficiaranse arredor de 2.500 pequenos

Durante unha visita ás instalacións da escola infantil Pequerrechos na Zapateira incidiu en que Galicia será a primeira comunidade de España na que a educación infantil será 100% gratuíta, xa sexa en centros públicos, en privados ou de iniciativa social.

 

Trenor tamén incidiu en que esta iniciativa suporá un orzamento anual por parte da Xunta de 50 millóns de euros para permitir un aforro importante ás familias de máis de 30.000 pequenos. O representante do Goberno galego aseverou que “este esforzo investidor non podía chegar nun momento máis necesario, no que os prezos volven subir e no que calquera aforro é moi importante para poder facer fronte aos gastos mensuais” 

 

O delegado da Xunta aseverou que o Executivo galego seguirá comprometido cos galegos porque o seu obxectivo é “que Galicia sexa o mellor lugar para ter unha familia”. Como proba disto a Xunta ten en marcha de iniciativas como as casas niño para dar servizo aos pequenos concellos -actualmente están en servizo 89 e está a piques de resolverse unha nova convocatoria, que permitirá chegar ás 100-; o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida. 

Imaxes relacionadas