A Xunta presenta a segunda edición do Camiño das Músicas Galegas da man da Duendeneta que percorrerá diferentes rutas do Camiño de Santiago

Trátase dun proxecto de difusión cultural en máis de 20 vilas e cidades situadas no Camiño de Santiago

A iniciativa enmárcase na programación do Xacobeo, a través da colaboración coa Fundación La Caixa, e permitirá ofrecer un percorrido sonoro pola historia da música galega máis recente

A furgoneta móbil viaxará ao longo do meses de xuño e xullo por máis de 20 vilas e cidades
 

Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022

Co obxectivo de dar a coñecer dun xeito ameno e didáctico a música feita en galego, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na presentación da xira Os Camiños das Músicas Galegas que ofrecerá La Duendeneta, unha orixinal music truck que percorrerá o camiño de Fisterra, o francés e a Vía da Prata durante os meses de xuño e xullo. No acto tamén participaron a responsable territorial da Fundación La Caixa, Susan Santos e a comisaria do Xacobeo, Cecilia Marimón.

Trátase dun proxecto de difusión cultural que naceu o ano pasado e que percorre concellos do Camiño de Santiago co obxectivo de dar a coñecer a música galega e feita en galego. Nesta nova edición, a furgoneta móbil viaxará ao longo do meses de xuño e xullo por diversas prazas e vilas, ofrecendo ata 32 sesións musicais de carácter didáctico, que mostrará a historia da música da nosa comunidade.

O encargado de exercer como DJ de esta iniciativa é o xornalista Carlos Crespo, quen estará a cargo das sesións musicais, cunha duración aproximada de hora e media ou dúas horas de duración, coas que achega a música de galegos e en galego aos peregrinos que percorren o Camiño, cunha selección musical coa que percorrerá toda a historia musical galega, desde Andrés Dobarro ata as Tanxugueiras.

Na súa presentación, Nava Castro puxo en valor este tipo de accións, xa que “enmarcadas dentro da programación do Xacobeo reflicten á perfección o que está sendo a celebración nestes primeiros compases, con accións locais, de pequeno formato, diversas e adaptadas ás actuais condicións”.

 

A duendeneta percorrerá os concellos de Fisterra, Muxía, Corcubión, Cee, Negreira no Camiño de Fisterra; O Pedrouzo, Arzúa, Melide, Palas de Rei, Portomarín, Sarria, Triacastela e O Cebreiro no Camiño Francés; Vedra, Silleda, Lalín, Ourense, Allariz, Xinzo da Limia na Vía da Prata e tamén no Monte do Gozo. A directora de Turismo de Galicia destacou a orixinalidade desta iniciativa, que permitirá que tamén a veciñanza poida desfrutar desta orixinal discoteca móbil vintage, mesturándose durante as sesións cos propios peregrinos.

Imaxes relacionadas