A Xunta destina este ano 2,1 M€ a apoiar o funcionamento dos Consellos Reguladores dos viños e augardentes galegos e o seu labor de promoción e de control da calidade

José Gonzalez reafirmou a aposta do Goberno galego pola internacionalización dos nosos viños e augardentes, que se manifesta a través da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia e coa futura Lei da calidade alimentaria, entre outras iniciativas

Os produtos vitivinícolas galegos están representados neste certame de Londres ao amparo dunha acción de promoción realizada pola Xunta, en colaboración co sector

En total son case 120 adegas e outras empresas comercializadoras de viños e augardentes da nosa comunidade as que participan neste evento
 

Londres (Reino Unido), 7 de xuño de 2022

A Xunta, a través da Consellería do Medio Rural, destina este ano un total de 2,1 millóns de euros a apoiar o funcionamento dos diferentes consellos reguladores dos viños e augardantes galegos, así como para financiar o seu labor de control da calidade e de promoción nos diferentes mercados.

 

Estes datos foron destacados esta tarde polo conselleiro do Medio Rural, José González, na súa visita á London Wine Fair 2022, onde acudiu para apoiar a presenza dos viños e augardentes galegos nesta feira internacional, acompañado polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos.

 

En total, case 120 adegas galegas e outras empresas comercializadoras de viños e augardentes da nosa comunidade participan neste evento, un dos máis importantes do sector no calendario internacional. Así, contan con representación 19 adegas da denominación de orixe Monterrei, 30 do Ribeiro, 16 de Ribeira Sacra, 19 de Valdeorras e 28 de Rías Baixas, así como 6 elaboradores de augardentes e licores, con 19 referencias.

 

Prestixio da produción galega

Nesta feira de Londres, José González remarcou a extraordinaria calidade e prestixio da produción agroalimentaria galega en xeral e dos viños e augardentes en particular, unha excelencia que a Xunta apoia a través de diversas vías, coas devanditas axudas aos consellos reguladores e tamén cunha clara aposta pola internacionalización. Neste sentido, trasladou que o impulso á exportación é unha das liñas básicas da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, elaborada pola Xunta en colaboración coa Fundación Juana de Vega, as universidades galegas e os axentes do propio sector.

En termos semellantes, José González referiuse ao anteproxecto de lei da calidade alimentaria, actualmente en tramitación. Un texto que -dixo- vai supoñer un importante pulo para as producións agroalimentarias galegas. Engadiu que esta norma ten como principal obxectivo conseguir para elas unha nova dimensión no mercado -tanto nacional como internacional-, favorecendo en consecuencia o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva, ao tempo que se proporcionan ás persoas consumidoras todas as garantías.

Os produtos vitivinícolas galegos están representados neste certame de Londres ao amparo dunha acción de promoción coordinada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, en colaboración co sector.

Así, para mellorar a competitividade destes produtos no mercado internacional, o Igape asinou no ano 2020 un convenio coa asociación de consellos reguladores do viño de Galicia e das indicacións xeográficas protexidas de Augardentes e Licores Tradicionais da nosa comunidade. O acordo, vixente ata decembro de 2022, conta cun financiamento por parte da Xunta de 390.000 euros -ao que se suma unha achega por parte dos consellos reguladores de 95.700 euros-. O obxectivo do convenio é intensificar a presenza nos mercados mundiais, especialmente nos europeos, dun sector que aposta por darse a coñecer en todo o mundo e que nos últimos anos vén de ser recoñecido internacionalmente pola súa calidade.

Este convenio inclúe entre outros conceptos o apoio para a presenza conxunta do viño galego en eventos internacionais (entre as que se atopa a London Wine Fair 2022) e accións de formación en materia de estratexia, de xestión e de comercialización vitivinícola enfocada nos mercados internacionais.

Imaxes relacionadas