A Xunta colabora na mellora do local social da asociación de veciños compostelá a Gracia

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou hoxe as actuacións levadas a cabo a través das axudas do Goberno galego

Destináronse máis de 16.000 euros a actuacións a prol da actualización das instalacións e da dotación dunha maior seguridade
 

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022 A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o local social da asociación de veciños compostelá A Gracia para comprobar as melloras realizadas co apoio da Xunta, nas que se investiron máis de 16.600 euros. A través da iniciativa reforzouse a seguridade e actualizáronse as instalacións a prol de darlles mellor resposta ás necesidades das persoas usuarias.

As obras incluíron actuacións na cuberta, co lavado do tellado e a reposición de 1.550 tellas do país, a reparación do cumio e a limpeza dos canlóns, así como a apertura dunha porta na sala da xunta directiva. Por outra banda, cambiouse o mobiliario da cociña, con novas pezas adaptadas á normativa sanitaria. Así, adquiríronse dúas mesas centrais, unha mesa mural de aceiro dotada con dous fregadeiros e dúas billas xerontolóxicas, unha campá extractora telescópica e chapa salva salpicaduras. A maiores, como medida de seguridade colocouse unha varanda no palco-sala de usos múltiples.

Da contía recibida, 11.600 euros destináronse ao conxunto das obras e 5.000, ao novo equipamento para a cociña. O proxecto desenvolveuse ao abeiro do Plan específico de acción comunitaria, destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.

Na súa visita, Natalia Prieto puido comprobar de primeira man as melloras realizadas no centro social coa achega do Goberno galego. No percorrido polas instalacións, a directora xeral de Administración Local recordou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. O reforzo encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.

Os investimentos poden ir destinados ao acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais e á compra de equipamentos básicos para o seu funcionamento, como mobiliario, equipos informáticos e audiovisuais ou material non básico específico para levar a cabo determinadas actividades. Ademais, son subvencionables proxectos de mellora, reforma e reparación das instalacións das traídas de auga promovidas por comunidades de usuarios de augas para garantir o abastecemento.

 

Cómpre sinalar que a asociación de veciños A Gracia contou xa co apoio da Xunta para a mellora das instalacións e do equipamento en anos anteriores. Así, en 2019 e en 2020 recibiu as respectivas cantidades de 10.197 e 10.752 euros para a reforma do palco e para material de ofimática.