O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo hoxe en Santiago un encontro coas escolas infantís da comunidade

A Xunta achega ás escolas infantís 0-3 de Galicia os detalles da gratuidade total que entrará en vigor o vindeiro curso

O director xeral coñeceu de primeira man as dúbidas e suxestións dos centros sobre esta pioneira medida

Sinalou que o Goberno galego destina este ano 2022 máis de 30 millóns de euros para que unhas 31.000 nenas e nenos de Galicia teñan gratis a educación infantil de 0 a 3 anos

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, reuniuse esta mañá con diferentes escolas infantís privadas de toda Galicia para achegarlles os detalles da gratuidade para todos os nenos e nenas que entrará en vigor a partir do vindeiro curso 2022/2023. O evento, celebrado no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), serviu tamén para coñecer de primeira man as dúbidas e suxestións dos representantes das escolas.

 

Pola súa banda, o director xeral destacou que esta medida pioneira, que supón un paso máis alá da gratuidade para o segundo fillo e sucesivos que xa é efectiva este curso 2021/2022, evidencia a decidida aposta do Goberno autonómico pola conciliación familiar e a educación infantil de cero a tres anos. Deste xeito, todos os cativos e cativas de Galicia poderán acceder de balde a calquera das escolas infantís.

 

Jacobo Rey explicou que dela se beneficiarán máis de 31.000 nenas e nenos de toda a Comunidade e que para poñela en marcha, a Administración autonómica destina este ano máis de 30 millóns de euros. Ademais, aproveitou o encontro para poñer en valor o labor destes centros como importantes espazos de aprendizaxe que facilitan aos nenos o acceso ao coñecemento e a adquisición de destrezas.

Imaxes relacionadas