A Xunta adxudica máis de 108.000 m2 na Plisan a dúas empresas, a maior adxudicación ata agora neste parque

Lonza Biologics Porriño asentarase en 4 parcelas con máis de 101.000 m2 de superficie mentres que Plataforma Logística Plisan, S.L. ocupará 1 de 6.644,87 m2

En total xa se adxudicaron máis de 220.000 metros cadrados distribuídos en 13 parcelas na maior bolsa de solo empresarial do sur da Comunidade

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022 A Xunta de Galicia adxudicou hoxe un total de 108.544,48 metros cadrados de solo na Plataforma loxística e industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) ás empresas Lonza Biologics Porriño S.L. e Plataforma Logística Plisan, S.L. Trátase da maior adxudicación de solo nesta área empresarial ata o momento.

 

En ambos casos as parcelas foron adxudicadas en dereito de superficie, unha modalidade que permite ás empresas acceder ao solo a cambio do pago dun canon reducido anual e coa posibilidade de adquirir a parcela durante os primeiros anos a prezo bonificado.

 

En concreto, á empresa Lonza Biologics Porriño S.L. adxudicáronselle 4 parcelas, cunha superficie total de 101.899,61 metros cadrados, que destinará á fabricación de produtos farmacéuticos, cunha nave de produción de 20.000 metros cadrados e un investimento de 200 millóns de euros que permitirá crear ao redor de 200 postos de traballo.

 

O prezo de venda das parcelas supera os 5,42 millóns de euros, pero ao tratarse dunha adxudicación en réxime de dereito de superficie a empresa abonará un canon anual de 0,80 euros por metro cadrado de solo durante os dous primeiros anos, o que supón un total de 81.331,17 euros ao ano. Nos anos terceiro e cuarto o canon será de 1,33 euros por metro cadrado (135,551,96 euros anuais) e a partir do quinto ano o canon será de 1,86 euros por metro cadrado (189.772,74 euros ao ano).

 

Polo que respecta a Plataforma Logística Plisan, S.L. adxudícaselle unha parcela de 6.644,87 metros cadrados, que teñen un prezo de venda de 476.503,66 euros. A empresa destinará a parcela a envasado e conservación en frío de alimentos frescos como pescado, marisco, cefalópodos, carne, vexetais, alimentos precociñados e sobremesas. Prevé un investimento de máis de 2,2 millóns de euros e a creación de 8 empregos.

 

O canon que aboará a empresa polo dereito de superficie será de 1,08 euros por metro cadrado e ano durante os dous primeiros anos (7.147,55 euros ao ano). Durante os anos segundo e terceiro o canon será de 1,79 euros por metro cadrado (11.912,59 euros ao ano) e no quinto e seguintes anos o canon será de 2,51 euros por metro cadrado (16.677,63 euros ao ano).

 

En ambos casos, o canon actualizarase conforme á variación anual do Índice de Garantía de Competitividade.

 

A superficie adxudicada hoxe súmase aos 111.922,95 metros cadrados adxudicados con anterioridade en dúas fases, polo que un total de 220.467,43 metros cadrados da Plisan xa foron asignados ás empresas interesadas en instalarse neste parque empresarial. Todas as parcelas, excepto as 2 asignadas a Frinsa, foron adxudicadas en réxime de dereito de superficie e acadan un valor de venda de preto de 11,9 millóns de euros.

 

O solo total adxudicado na Plisan na actualidade é o seguinte:

 
EMPRESA
PARCELAS
SUPERFICIE m²
VALOR DO SOLO €
FORMA DE ADXUDICACIÓN
Hijos de Carlos Albo
3
62.979,54
3.262.802,00

Dereito de superficie

Grupo Tecnológico Arbinova
1
2.750,00
182.533,90

Dereito de superficie

Grupo Tecnológico Arbinova
1
2.630,23
188.614,80

Dereito de superficie

Frinsa
2
40.921,85
2.177.451,65

Compra venda

Gainster
1
2.641,56
189.426,24

Dereito de superficie

Lonza
4
101.899,61
5.422.078,23

Dereito de superficie

Plataforma Logística Plisan S.L.
1
6.644,87
476.503,66

Dereito de superficie

TOTAL
13
220.467,63
11.899.410,48