A Xunta e Acruga avanzan no impulso ao sector gandeiro de vacún de Galicia

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, mantivo un encontro de traballo cos responsables desta Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de raza Rubia Galega

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias José Balseiros, mantivo este martes unha reunión con representantes da Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto de raza Rubia Galega (Acruga). O encontro serviu para tratar a relación entre ambas entidades e intentar reforzala co obxectivo de impulsar o sector gandeiro de vacún de Galicia en xeral e desta raza autóctona en particular.

Un dos puntos clave da conversa foi o convenio de 570.000 euros firmado entre a Xunta e Acruga no ano 2019 para impulsar a consolidación e diversificación da raza rubia galega, vixente ata este ano 2022. As dúas partes consideran este acordo positivo para o sector, polo que están traballando para ampliar e reforzar este convenio, do cal se benefician tanto os miles de socios e criadores de raza rubia galega que forman parte de Acruga coma a poboación galega que consume o produto ofrecido por este sector gandeiro.

Na xuntanza tamén se falou da necesidade de valorizar a carne da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega para facer fronte á situación de venda a perdas do sector. Así, o director xeral destacou a campaña de promoción de Ternera Gallega Suprema que se vai poñer en marcha proximamente a nivel nacional e que estará financiada con 1,4 millóns de euros achegados pola Xunta e polo consello regulador da IXP Ternera Gallega.

Imaxes relacionadas