A Xunta e o concello colaboran na renovación do polideportivo municipal da Laracha cun investimento de máis de 39.000 €

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, supervisou o resultado das obras que tiveron un orzamento total de maís de 39.000 euros e contaron cunha axuda do Goberno galego de 25.000 euros

O obxectivo destas achegas é apoiar a práctica deportiva nos concellos mellorando as instalacións municipais
 

A Laracha  (A Coruña), 7 de xuño de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde da Laracha, José Manuel Varela, supervisaron o resultado das obras de polideportivo municipal da Laracha  que contaron cun orzamento total máis de 39.000 euros dos cales a Xunta achegou 25.000 euros  

Trenor destacou a colaboración entre o Goberno galego e o Concello permitiu a substitución das placas do lucernario, a reparación e protección do canlón existente mediante pintura impermeabilizante e substitución dos tramos máis deteriorados, a pintura das ménsulas de acero do aleiro da cuberta e substitución das máis deterioradas, a reparación do pintado interior e exterior dos muros e o repaso e substitución da tornillería da cuberta en mal estado e protección da mesma con pintura.
 O representante do Goberno autonómico recalcou que “o obxectivo destas achegas é a de apoiar a práctica deportiva no concellos”. Segundo indicou Trenor “trátase de contribuír a potenciar o deporte, que ten un papel transcendental na sociedade para a mellora da calidade de vida dos cidadáns”.
Así, o delegado da Xunta tamén apuntou que “fomentar a actividade deportiva e os hábitos saudables cumpre unha importante tarefa na formación educativa dos mozos e mozas nas respectivas disciplinas onde desenvolven a súa actividade”.

Ademais, resaltou que estes proxectos contan "coa colaboración directa dos concellos que ademais de aportar unha porcentaxe do custe da obra son os encargados da redacción do proxecto da mesma".

Imaxes relacionadas