A Xunta destinou 9,6 M€ a apoiar, dinamizar e modernizar o comercio na área de Vigo

Marta Fernández-Tapias mantivo este martes unha xuntanza coa directiva da Federación de Comercio de Pontevedra para coñecer as súas peticións

“Facemos cidade a través do comercio, con plans de rescate cando os necesitaron e novas axudas para crecer, somos a única administración que fai achegas”, destacou
 

Vigo, 7 de xuño de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo este martes unha xuntanza coa directiva da Federación de Comercio de Pontevedra na sede da Confederación de Empresarios (CEP). A representante autonómica escoitou as peticións dos representantes do comercio e lembrou que as achegas realizadas pola Xunta durante os tres últimos anos na área de Vigo superaron os 9,6 millóns de euros.

 

“Somos a única administración que concedeu axudas, estivemos xunto a eles nos peores momentos e seguiremos ao seu carón para que sigan crecendo”, sinalou tras reunirse con Iván Iglesias, presidenta da Federación de Comercio de Pontevedra; Rubén Pérez, secretario, e Rosa Vello, vogal.

 

Segundo explicou Fernández-Tapias, as achegas da Xunta de Galicia a través dos catro plans de rescate postos en marcha a raíz da pandemia sumaron un total de 5,6 millóns en 597 solicitudes. Tamén sinalou que 630 establecementos da área adheríronse ao Bono Comercio cun capital mobilizado de 3,1 millóns de euros.

 

Ademais, en canto ás axudas en 2021 atópanse 292.843 euros para dinamización en centros comerciais e prazas de abastos e outros 109.221 para revitalizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo a través do tícket de dinamización. Pola súa banda, a subvencións para implantar a estratexia dixital e modernizar o sector chegaron a un importe de 482.697 euros e as destinadas a artesanía galega foron outros 3.400.

 

“Facemos cidade a través do comercio, con plans de rescate cando máis os necesitaron e con novas liñas de axuda que xa están en marcha”, destacou a delegada da Xunta. Así, a representante autonómica informoulles das tres convocatorias que aínda están abertas.

 

Trátase das subvencións para a transformación dixital e modernización do sector comercial e artesanal, dotadas con 6 millóns de euros e o prazo de solicitude aberta ata o 23 de xuño. Tamén o programa de axudas para o fomento da comercialización da artesanía de Galicia, con 265.000 euros e prazo ata o 13 de xuño e, por último, as subvencións para proxectos de mellora enerxética, dirixido a autónomos e pemes con actividades de comercio, hostalería, artístico-recreativas e outro servizos (Bono Enerxía Peme), con 2 millóns de euros e un prazo de presentación aberto ata o 14 de xullo.

Imaxes relacionadas